As devocións do poeta Luís Pousa

CULTURA

13 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Debemos á editorial Reino de Cordelia (Madrid), na súa pulcra colección Los versos de Cordelia, edicións e reedicións de poemarios que confortan aos lectores máis esixentes: Lamia (de John Keats), Rimas (de Bécquer), Poeta en Nueva York (de Lorca), Los retratos (de Luis Alberto de Cuenca)… Esta magnífica e coidada colección de poesía acaba de acoller o libro de Luís Pousa Poemas para Flash Gordon, que non é un libro para rapaces ou adolescentes, por moito que o autor, nun dos mellores textos, proclame que desexaría escribir «… cómics, muchos cómics, / resucitar tal vez a Spirou y Fantasio / y, por supuesto, a Flash Gordon y Dale Arden». Aínda que o noso poeta é un home novo (46 anos), esta é unha das trinta e sete cousas «que debería hacer, en cualquier caso, antes de morir», que así se titula esta especie de poema testamentario inspirado, á súa maneira, noutro do seu admirado Georges Perec.

Unha vez máis a poesía é un escudo ou un aturuxo contra as limitacións da vida, e é neste poema onde Luís Pousa, da estirpe dos mellores viaxeiros, declara que lle cobizaría peregrinar a París para tomar café con Georges Perec ou aloxarse, en Madrid, na habitación 383 do hotel Palace, na que «Julio Camba posaba cada noche / el periodismo entero sobre la almohada» (Ninguén, que eu saiba, fixo unha gabanza maior do periodismo de Julio Camba: tiña que facelo un periodista que é escritor). Hai outro poema, o último, que tamén é testamentario: El blues del bosón de Higgs. Neses versos o autor advirte que «Cuando llegue el día» e lle dean terra «con mis zapatos favoritos» (frívolo e maxistral verso), deberían recitarlle versos de Borges e de Bukowski, e, dese xeito, soñar con Cervantes, Kafka, Joyce e «con los números transfinitos / de George Cantor» (porque o noso periodista, o noso poeta, tamén é matemático).

Neste poemario, Luís Pousa é un poeta moi maduro que, partindo de experiencias da nenez e da adolescencia, fainos viaxar polo universo do cómic, dos filmes do Oeste, dos actores de onte e tamén dos poetas que o marcaron: de Rimbaud a Lorca, de Charles Bukowski a Rosalía de Castro e Luís Pimentel, «el poeta que fue capaz de ver / la sombra del aire en la hierba, / otro enorme astronauta de las cosas minúsculas».

Luís Pousa, que vén do universo das Matemáticas e que está -ignoro con qué grao de paixón- no xornalismo, leva, na cerna do seu espírito, a poesía, «esta vieja bruja de Macbeth» que sobreviviu miles de anos e resistíu á brutalidade, aos tiranos e, mesmo, á barbarie da telebasura. Pousa, neste breve e rico poemario, é, como tantos poetas poetas, fillo das súas devocións literarias, pero non desoe o latexo da vida real, e así nolo indica cando define, maxistralmente, a poética rosaliana: «Desde Rosalía […] / Seguimos desde entonces escribiendo / con la propia sangre, / tumbando el yo sobre la página, / hasta dejarnos las entrañas, / verso a verso, / en libros invisibles». A crítica rosaliana agradeceralle a Luís Pousa este revelador verso («tumbando el yo sobre la página»), e moitos lectores de poesía, tantos e tantos versos de Poemas para Flash Gordon.