Pedro Feijoo: «O discurso do libro son eu axustando cuestións pendentes comigo mesmo»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

cedida

O escritor vigués volve á narración de ficción coa publicación de «Sen piedade», unha trepidante «road movie» literaria

17 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda gozando do éxito de Camiñar o Vigo vello. Un paseo pola historia da cidade (2018, Xerais), que aos catro meses da súa publicación xa esgotou a primeira edición, Pedro Feijoo (Vigo, 1975) volve tirar de novela para mostrar Sen piedade (Xerais), unha road movie literaria.

-¿Está de acordo coa miña apreciación?

-Si, era un xogo que quería facer porque teño moitas referencias cinematográficas e literarias ao respecto. Penso que non se cultivou moito na literatura galega, aínda que hai referentes, como Sete palabras, de Suso de Toro.

-¿Condicionouno na narración?

-Si, vai co lote. Se pretendes contar unha viaxe non podes deterte moito nunha descrición porque vai en contra do propio discurso. Apetecíame facer unha novela máis dura.

-Quen non o coñeza pensará que está metido no «lumpen» de cotío porque sempre está de fondo.

-Supoño que é unha cuestión de exposición. Por unha banda, penso que me vén do meu avó, a quen lle gustaba moito o cine negro e eu recordo un montón de tardes vendo películas. Pero, ademais, eu medrei no Canido [Vigo] dos anos oitenta, cando chegou de súpeto a heroína. Da xeración anterior á miña, sobreviviu moi pouca xente. Dende a casa dos meus pais, eu vía todo aquel ambiente, con xente pinchándose. Supoño que todo iso queda dalgunha maneira.

-¿A brevidade dos capítulos vai dirixida a darlle ritmo?

-Este libro ten outra historia detrás. Hai tempo, dende Xerais, pedíronme que enfrontase unha novela dirixida ao público xuvenil. O ano pasado tiven que estar durante algún tempo no hospital e aproveitei para escribir ese libro. A idea era facer unha road movie para rapaces, pero tan pronto como entrei na historia deime conta que o que estaba narrando non era para eles; o único que tiña de xuvenil era que os protagonistas eran rapaces. Pero o formato capitular quedou. Na historia empezou a aparecer outro discurso que, en realidade, son eu axustando cuestións pendentes comigo mesmo. Todos os meus libros son pretextos para contar outra historia, e en todo este tempo funme deixando a min de lado.

-¿Estamos, entón, ante feitos vividos?

-Claro, por suposto. Mire, case de ser un libro de encargo, dirixido a un público xuvenil, converteuse no libro máis persoal de todos.

-¿Pero é vostede algún dos personaxes?

-Non son nin Teo nin Gordo, pero igual si un pouco de todos.

-Porque estamos ante a historia dunha amizade, pero tamén a dun fracaso.

-Por iso mesmo, aquí había moitas cousas ás que enfrontarse.

-Por outra banda, propón un xogo musical nos títulos dos capítulos. ¿Quería dotar o libro dunha banda sonora?

-Non. Saíu dunha conversa cun amigo que dicía que botaba en falta que nas miñas novelas non houbese música. Eu creo que é todo o contrario, pero non a poño diante porque non me gusta esa evidencia. Esta vez si quería darlle máis saída.

-A argumentación da novela está chea de xiros e estruturas abertas para chegar a un final sorprendente. ¿Gústalle xogar co lector?

-En todos estes anos nunca defendín o meu traballo como un escritor de altura. Coñezo os recursos que teño, e un deles é ofrecerlle ao lector un xogo para ver se é quen de atopar as trampas que fago. Eu trato de que a xente me acompañe e se sorprenda; non busco facer parágrafos dunha altísima capacidade literaria, busco entreter e sorprender.

-¿Dío por algunhas críticas que recibe? Pero vostede é un dos autores que máis vende en galego.

-Nun sistema que se queixa de que non hai vendas nin lectores, eu pensaba que estaría ben aportar 25.000 lectores do tirón, pero vexo que non. Agora, incluso, dende algún que outro medio me chegaron comentarios tan absurdos como que me atribúe que penso que estou facendo moito, porque teño moitos lectores. Usted perdone, a próxima vez xa buscarei o xeito para ter só dous.