Patricia Mallo gaña o primeiro premio de literatura infantil Carlos Mosteiro

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

rafael ricoy

O xurado destacou o humor no libro da viguesa. «Intento escribir seria pero non me sae»

21 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha novela protagonizada por unha familia de fantasmas que durante unha visita se ve atrapada no mundo dos vivos proclamouse onte vencedora da primeira edición do premio de literatura infantil Carlos Mosteiro. Os fantom, de Patricia Mallo (Vigo, 1985), impúxose aos 39 orixinais presentados deste certame convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, Editorial Galaxia e a asociación cultural Barbantia co obxectivo de honrar a figura de Carlos Mosteiro, finado no pasado mes de xullo do 2017.

O xurado, formado por Fina Casalderrey, Blanca Ana Roig Rechou e Francisco Castro, destacou o sentido do humor da narración de Mallo, así como o seu «ritmo áxil que se ce reforzado polas situacións divertidas que van xurdindo nunha trama onde nada é o que parece ser». Tamén salientaron de Os Fantom que é «unha defensa da singularidade, da identidade de cada quen e da súa aceptación». O premio está dotado con 1.500 euros e a publicación, no outono, do libro na colección Árbore de Galaxia.

Patricia Mallo coincide co xurado en sinalar o humor como un dos sinais de identidade dos seus libros. «Intento escribir seria pero non me sae», dicía onte a tamén autora da novela infantil Os Cabezombis na Mansión Espello, un debut onde tamén mesturaba humor, misterio e fantasía. A escritora, que estudou Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, séntese cómoda neste rexistro literario, con obras destinadas a un público lector de arredor de 10 anos.