Falece Xabier P. Docampo, o escritor que enganchou á literatura galega a varias xeracións

O escritor lucense, mestre das letras para xente miúda, será lembrado por títulos como «Cando petan na porta pola noite» ou «O misterio das badaladas»
Redactora R. García
Galicia despide a un dos mestres da literatura infantil e xuvenil. Xabier P. Docampo (Rábade, 1946) morreu de madrugada en A Coruña, despois de dous anos de loita contra un cancro que se complicou nos últimos meses.
O escritor lucense logrou que varias xeracións de galegos se iniciasen na literatura en galego con títulos tan recoñecidos como O misterio das badaladas (1986) ou Cando petan na porta pola noite, título polo que logrou o Premio Nacional de Literatura Xuvenil, que obtivo en 1995.
O último acto público do escritor chairego foi o pasado mes de maio, na gala de entrega dos Premios do Libro Galego, que tivo lugar en Santiago. A súa derradeira novela publicada foi A nena do abrigo de astracán, pola que recibiu o galardón de Narrativa.
Xabier P. Docampo traballou varios anos como mestre e pedagogo, foi actor e director de teatro, tamén estivo vinculado a Radio Nacional de España como guionista e escribiu e dirixiu obras para vídeo e para televisión. Tamén foi columnista en prensa e adicou unha etapa da súa vida a diferentes actividades de narración oral.
Outros títulos destacados na extensa obra de Xabier P. Docampo son Con un ollo aberto e outro sen cerrar (1986), A chave das noces (1987) Catro cartas (2000) ou A casa da luz (2002). Ademáis de narrativa tambén escribiu ensaio e participou en moitas obras colectivas.
