A poeta reúne na súa última obra versos escritos dende a dor que falan das soidades
03 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A escritora Emma Pedreira publica Antídoto (Alvarellos Editora), un poemario que contén Lista da compra da viúva, que foi galardoado co Premio Internacional Jovellanos 2017 como mellor poema do mundo.
-Que hai detrás dese mellor poema do mundo?
-Creo que é un poema no que nos reflectimos un pouco todas as persoas. Fala de como morre unha relación e de como quedamos despois desa ruptura. Todas as persoas que pasamos por iso algunha vez nos podemos ver identificadas. Por outro lado, é un poema un pouco narrativo, así que aquelas persoas ás que non lles guste moito a lírica poden ter outra relación con este texto e entendelo dunha forma máis narrativa.
-É un poema no que se dá un paso adiante.
-Cada vez que damos un paso adiante estamos deixando cousas atrás. O libro completo fala diso, de como avanzamos tendo que pechar portas. De como, para saír de certos espazos, hai que romper eses espazos. Estamos rompendo cousas a través das rupturas sentimentais e emocionais. Sempre imos cara a un futuro que nunca vén. Hai un presente continuado. O poemario completo ten dúas partes. Unha delas na que o eu poético prométese a si mesma desfacerse de todo e empezar unha vida nova. A segunda parte do libro trata sobre como esa persoa, para continuar a súa vida, unha vida que xa ten montada, ten que comezala de novo. Ten que volver tropezar no mesmo, porque sempre estamos volvendo sobre os mesmos erros e caendo nos mesmos prexuízos. Este poemario encerra as dúas partes: o comezo e a fin.
-Como foi a experiencia de traducir os seus propios poemas?
-Esta é a miña primeira obra bilingüe. Sempre me preguntan que por que non me traduzo, e desta decidín dar o paso. A tradución resultoume difícil, creo que non me vou traducir nunca máis. Traducir implica posicionarse, non consiste en coller unha palabra e buscar unha equivalencia. É un traballo máis fondo.