![Ramos fala do encaixe do imperfecto nun medio hostil](https://img.lavdg.com/sc/xVbw-xMop6OfWdo_aUTSCkW2XNI=/480x/2018/08/05/00121533498423645209315/Foto/j04g8036.jpg)
O escritor Alberto Ramos reflexiona na súa obra «A simetría das bestas» a partir dunha situación límite
06 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A enfermidade terminal que lle é diagnosticada a Caridad Verdet é o pano de fondo que dá lugar á reflexión en A simetría das bestas (Urco Editora), a última novela do escritor Alberto Ramos, que presenta hoxe na Feira do Libro da Coruña. A obra trata, segundo indica Ramos, «da integración, do trauma e sobre todo de Caridad Verdet, a protagonista, que é a maior das bestas, non por fealdade, senón pola necesidade de adaptarse a un medio hostil para sobrevivir». Esta protagonista é unha persoa que, como explica o escritor, «nace cunha sabotaxe da natureza, que é unha malformación que salta á vista, e chegado o momento da súa vida adulta recibe outra sabotaxe, que é o diagnóstico dunha enfermidade terminal».
Esa doenza que pon a morte na vida desta personaxe é o detonante que utiliza Ramos para «falar de todo o demais», e que fai que Caridad Verdet reflexione sobre «as pantasmas do pasado, sobre o que quedou pendente e non se fixo, xa que ao final non nos damos de conta de falar da vida ata que empezamos a falar da morte, xusto cando vemos que o tempo se acaba e que sempre estivemos na vida». Dentro desas reflexións sobre o pasado hai espazo para o encaixe dunha persoa imperfecta e diferente -neste caso a protagonista- no mundo no que lle tocou vivir. Sobre isto, o escritor indica que Verdet repite moitas veces na novela que «a integración é un mito como o do Minotauro, pero peor contado». O simbolismo tamén ten lugar en A simetría das bestas, xa que cada capítulo está titulado con algo relacionado co mundo animal, dende a medusa ata o rinoceronte, o que ten moito que ver «cos mecanismos de defensa que teñen os animais para adaptarse ao medio hostil», explica o escritor, «que tamén é algo que utilizan os humanos para sobrevivir ao darwinismo social».
Con A simetría das bestas, Alberto Ramos obtivo o premio Risco de Creación Literaria, un galardón que xa lle fora outorgado no ano 2012 pola súa obra Todos os días. Daquela, Ramos contaba a súa situación persoal despois de perder o seu traballo como xornalista tras o peche do medio de comunicación no que traballaba. Entre estes dous libros premiados houbo outro completamente distinto, Máscaras rotas para Sebastian Nell, publicado pola editorial Galaxia e co que obtivo o premio García Barros no ano 2014.