Ana Romaní: «A cultura non é unha axenda de lecer»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Atesora case tres décadas de traballo no «Diario Cultural» e foi distinguida co Premio Nacional de Periodismo Cultural

27 sep 2018 . Actualizado a las 21:13 h.

O Premio Nacional de Periodismo Cultural vén de distinguir a longa traxectoria de Ana Romaní, directora do Diario Cultural entre 1990 e agosto deste ano.

-Este galardón supón un bo momento para facer balance?

-Son pouco de facer balances, por máis que creo que no noso traballo cómpre estar sempre vixiante dos propios pasos, das liñas que os marcan e de como iso se proxecta socialmente. É preciso revisar cada día de qué serve o que facemos e estar criticamentente atentos e atentas a quen serve o noso traballo, de quen é realmente cómplice. Sempre tentei moverme, na medida do posible, e tamén coas miñas limitacións e as das circunstancias, en niveis de esixencia para corresponder á cultura deste país con rigor, dignidade e respecto. Ás veces o exercicio profesional foi difícil, complexo e cheo de tensións. Aínda así, o balance é moi positivo. En maio e xuño recibín mensaxes de persoas que seguían o Diario Cultural que xustificaban por si soas o traballo de 28 anos na radio pública.

-De que se sente máis satisfeita?

-Do plural. Do plural na construción dun espazo de cultura que foi resultado do traballo en equipo, o dos compañeiros e compañeiras da Radio Galega, tamén dos colaboradores e colaboradoras, que son parte fundamental, e tamén fundamental foi a complicidade das xentes da cultura. Hai un plural que dalgún xeito foi facendo daquel Diario Cultural co formato que tivo ata agosto un espazo de encontro, colectivo, partícipe e implicado, que pretendeu estar atento e acoller as voces todas que desde distintos lugares están a conformar os discursos culturais da Galicia contemporánea.

-Que consecuencias tivo o cambio de formato?

-Non comparto a formulación actual do espazo, nin os criterios e obxectivos aos que responde. De feito, a miña vinculación cos espazos que agora reciben a denominación de Diario Cultural, moi afastados do que foi o formato, é a dunha redactora máis do equipo. Desde esta posición talvez non sexa eu a persoa indicada para valorar as consecuencias.

-Cre que o premio pode ser unha reacción contra iso?

-Para min este premio ten un sabor colectivo que me gratifica especialmente. Creo que no xornalismo regresar ao espazo social no que o traballo toma sentido é imprescindible, e algo diso está a acontecer agora entre os e as profesionais da CRTVG. Accións como as que desenvolvemos cada venres desde hai 18 e movementos como o de Defende a Galega son indicadores de que aínda hai moito por facer e que o xornalismo e os medios públicos galegos aínda teñen unha función social que cumprir, e que os seus e as súas profesionais non só están dispostas a facelo, senón que queren facelo e esixen as condicións, aprobadas nunha lei, que o permitan.

-Servizo público e visibilizar a cultura son os eixes sobre o que construíu o seu traballo?

-Si, é un orgullo traballar nun medio público. Creo que os medios públicos de Galicia teñen pendente esa función de crear modelos propios de comunicación e información para un país, ir mais aló de ser medios de comunicación en galego, e crear modelos e paradigmas propios. Por outra banda, na base das miñas preocupacións profesionais está a visibilización da cultura en toda a súa amplitude, porque a cultura non é unha axenda de lecer nin un relato acelerado dunha sucesión de espectáculos sometido aos intereses do mercado ou doutra índole, que os hai.