«Alba de Gloria» cobra vida

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

consello da cultura

O Consello da Cultura Galega válese da realidade virtual inmersiva para conmemorar os 70 anos do discurso de Castelao, o derradeiro que pronunciou

04 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Abría a procesión Prisciliano. Deitando o seu peso nun caxato coroado cunha fouce dos druídas, levaba a súa cabeza nunha urna de marfil. A procesión de sesenta e un creadores da identidade de Galicia camiñaba amodo, en silencio, coa faciana en sombras e o mirar caído na terra polo carreiro que ía abrindo Castelao con cada unha das súas palabras. Era 25 de xullo de 1948. Arrastraba os pés Idacio, alumeando o camiño cunha lámpada de bronce. Inés e Xoana de Castro levaban as súas efémeras coroas na man. Orneaba a mula que carreta as obras de Erasmo e os irmandiños aínda erguían o fouciño. Manuel Antonio zugaba da pipa. As cabezas de Pardo de Cela e os seus compañeiros, frescas, deitando sangue, reclamaban xustiza. Pechaba a comitiva Ramón del Valle-Inclán. A Santa Compaña que botou a andar no exilio de Bos Aires cumpriu. Abofé. Alba de Groria, o discurso de Galicia que Castelao pronunciou no exilio foi o derradeiro. O 7 de xaneiro de 1950, no cuarto 202 do Centro Galego, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao uniuse á Santa Compaña que el mesmo debuxara con palabras.

consello da cultura

Pasaron 70 anos daquel intre no Teatro Argentino no que a retórica galega acariñou o ceo cun discurso histórico, que amoreou moitos nomes, pero que sobre todo deu creto ás ánimas sen nome. Á infinda moitedume de luciñas e vagalumes que conforma o alicerce da identidade galega. Esa infinda moitedume de luciñas e vagalumes que representa «o que nós fomos, o que nós somos e que nós seremos sempre, sempre, sempre». O mércores, no Panteón no que hai case 35 anos descansa Castelao, a carón de Cabanillas, a carón de Fontán, a carón de Rosalía, volverá saír en procesión a Santa Compaña que se xuntou por vez primeira aquel Día de Galicia que se celebrou no exilio ao que obrigou a tantos o golpe franquista.

Alba de Gloria, a exposición do Consello da Cultura Galega comisariada por Manuel Gago, non é unha exposición. É, sobre todo, unha experiencia. Non ten paneis explicativos. Ten interpretacións dramatizadas, infografías interactivas. Ten realidade virtual inmersiva. Un labirinto de figuras a tamaño real. Ten ao propio Castelao cobrando vida. A reconstrución da figura do artista, pensador, político e licenciado en Medicina foi un dos grandes desafíos dun proxecto que se vale da tecnoloxía do século XXI para dotar de vida o pensamento nacionalista do século XX. Para mergullarse nas ideas, nas figuras e no relato da historia galega narrado por Castelao. O modelo tridimensional do pensador rianxeiro está construído a partir de toda a documentación gráfica, audiovisual e plástica dispoñible. Cun nivel de detalle remarcable.

Canda Castelao tamén volven á vida os persoeiros que conforman a Santa Compaña da Historia de Galicia. Aínda que con menor detalle, polo Panteón de Galegos Ilustres camiñarán ata o vindeiro 3 de febreiro o emperador Teodosio e San Dámaso. Pedro Madruga co puñal da traizón espetado nas costas. O mestre Mateo co Apocalipse debaixo do brazo encabezando unha grea de arquitectos e imaxineiros. Un fato de xograres e trobadores: Airas Nunes, Meendiño, Xohán Aireas, Martín Codax, Macías. Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Pondal, Xelmírez e os tres Fonsecas. A Sarmiento de Gamboa e os Nodales portando astrolabios, atlas e cunhas estranas. Procesiona Exeria coa súa túnica de liño branco. Pasea pensativo Paulo Orosio. E Nicomedes Pastor Díaz acariña, canda Añón, Rosalía, Curros, Pondal, Ferreiro e Lamas, a súa lira de nacra.