
O investigador Serxio Cobos desenvolve os «bailegramas», un sistema de notación para transcribir, rexistrar e compartir os movementos do baile tradicional galego
20 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Igual que as notas musicais teñen unha linguaxe de seu, escrita sobre partitura, tamén a danza dispón de notacións propias -as máis coñecidas son a Labanotación (de Rudolf Laban) e a ideada por Joan e Rudolf Benesh- para transcribir e rexistrar os movementos do corpo. Dende o ano 2010 o docente e investigador Serxio Cobos (Santiago, 1973) vén desenvolvendo un sistema gráfico que permita escribir no papel o patrimonio do baile tradicional galego. Un método baseado en caligramas que vén de concretarse no libro Bailegramas, publicado este mesmo mes ao abeiro do proxecto artístico e educativo é-baile, impulsado por aCentral Folque, e que tamén ten o seu complemento audiovisual en YouTube.
Os bailegramas veñen ser, como os cualifica Cobos, unha «ferramenta» máis o baile tradicional, «que permite darlle forma gráfica sobre o papel ao que se baila». «Cando escribiamos describindo o baile ao final non se entendía, era demasiado extenso e non resultaba nada funcional», lembra. Os bailegramas, pola contra, ofrecen a universalidade dos diagramas que recollen os pasos que acompañan a muiñeiras ou xotas.

Este sistema apóiase en diversos elementos gráficos. Algúns dos símbolos inspíranse na estela dos movementos, «como se colocases unhas luceciñas nos nocellos e puideses ver as evolucións do corpo a cámara lenta con moito tempo de exposición», exemplifica Cobos, quen tamén tirou símbolos dos propios bailes: un «v» representa o valse, por exemplo. Doutra banda, o básico «tacón, punta, tacón» transfírese ao papel coa imaxe dun zapato, co acento marcado en cada fase do paso.

Ademais do sistema de notación, este método dispón dun valioso aliado: o papel. Fronte á imparable dixitalización, nun mundo, ademais, no que case todos levan unha cámara co móbil no peto, a conservación tradicional ofrece vantaxes. «As gravacións dixitais, son importantes, pero antes dos actuais formatos xa había os vídeos VHS, que quedaron obsoletos. Hai que ter en conta a caducidade dos soportes», explica, xa que hai rexistros almacenados en medios populares hai anos pero que agora dan problemas para a súa reprodución. «Ademais, tamén é importante poder aprehender o que ves na imaxe, miralo, estudalo, levalo contigo, ter un referente físico», engade Cobos.
Os bailegramas revelan a súa utilidade en ámbitos como o investigador, permitindo unha rápida e precisa comunicación dunha determinada peza, así como na docencia. «Está claro que ninguén aprende un baile sobre o papel, para iso están as clases. Pero logo podes repasar ou volver sobre el, e para iso si que é útil a transcrición», exemplifica o especialista.
Unha transcrición que tamén é unha mensaxe para o futuro e, xa que logo, un xeito de asegurar a transmisión e existencia do baile tradicional galego para un futuro distante. Con todo, Cobos aclara que se ben se perderon cousas, o traballo de investigación e recollida dos últimos anos, unido a condicións socias e económicas prexudiciais para unhas cousas, pero que en cambio favoreceron a conservación deste patrimonio, permitiu un alto grao de conservación.
Vexo un gran interese na mocidade pola música e baile tradicionais, pola gaita, o canto e pandeireta
Mirar para o futuro non significa descoidar o presente, que Cobos atopa vizoso e estimulante. «Vexo un gran interese na mocidade pola música e baile tradicionais, pola gaita, o canto e pandeireta», entusiásmase, sobre todo porque non aprecia impostura, senón naturalidade. «Hai pouco asistín na sala Nasa a unha gaiteirada con duascentas persoas e estaba claro que todos tiñan asumido como natural que aquela era a súa festa», lembra.
Arredor de Bailegramas e o proxecto é-baile hai programadas actividades, promovido pola Deputación da Coruña, que tamén teñen unha compoñente festiva. Este sábado en A Pontraga, Tordoia, celebrarase a partir das seis da tarde un curso de baile con Luís Prego, un concerto de Tralo-Valo e unha foliada aberta, mentres que o seguinte sábado, día 29, en Oza, Carballo, o curso de baile será impartido por Cobos, e o concerto, por el mesmo con Óscar Fernández e Mercedes Prieto, de novo cunha foliada aberta como colofón.