Paco López-Barxas lembra ao neno Ramón Otero Pedrayo

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

O escritor e xornalista recrea no libro ilustrado «A historia de Ramón» episodios da vida do patriarca ourensán das letras galegas

08 ene 2019 . Actualizado a las 13:50 h.

Cando o xornalista e escritor Paco López-Barxas estaba interno no Seminario Maior de Ourense realizou a súa primeira entrevista a Ramón Otero Pedrayo, que se fixo pública de xeito anónimo nas rexas paredes do edificio. Van alá varias décadas e volve López-Barxas á figura do patriarca das letras galegas co conto A historia de Ramón, editado pola Deputación de Ourense e Teófilo Edicións. A etapa infantil de Otero Pedrayo percorre as páxinas da obra.

Lembra Paco López-Barxas no seu traballo os tempos do neno Ramón en Trasalba e como na Casa Grande de Cimadevila andaba paseniño baixo os bidos e do medo que sentía de cativo «cando pasaba á beira dos buxos do xardín», de cando argallaba e inventaba historias de piratas e dos anos da francesada -un destacamento que aparecía en Amoeiro e ocupaba a casa de Trasalba- ou os tempos nos que o rapaz serio chamado Ramón aprendeu a rir grazas a unha nena chamada Susana. Mesmo da etapa na que a pegada deixada en Ramón polo coronel Tacones, ao que lle escoitou un discurso patriótico na praza do Ferro da cidade de Ourense, o converteu en orador de arengas dende a balaustrada da Casa Grande, con cans e gatos como moi ilustre público.

A especial e estreita relación de Otero Pedrayo con dúas árbores -a laranxeira que plantara o seu avó ao nacer o pai do patriarca e a araucaria que puxo seu pai ao chegar o neno Ramón- tamén son aspectos recollidos na obra. A morte do Irmanciño, a araucaria que chegou a Trasalba cando el naceu, foi un dos episodios máis tristes da vida de Otero Pedrayo. O temporal derrubouna contra a casa e os seus amigos gardaron a madeira para facer dela o cadaleito co que se enterrou ao autor de Arredor de si.

A historia de Ramón está ilustrada pola artista Isabel Pintado e as fotografías do libro son obra de Plácido L. Rodríguez.