A lingua galega foi empregada por primeira vez nun comunicado das Nacións Unidas
22 feb 2019 . Actualizado a las 15:56 h.«Como parte da celebración da riqueza e beleza do tecido lingüístico mundial, é imprescindíbel apartármonos da ideoloxía de que as sociedades e estados deben ter só unha lingua e excluíren todas as demais». A afirmación corresponde a un documento oficial das Nacións Unidas. O organismo internacional empregou por primeira vez na súa historia a lingua materna de Rosalía de Castro nun dos seus comunicados. O texto é de Fernand de Varennes, o relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.
O galego é unha das 27 linguas coas que a ONU lanzou este xoves 21 de febreiro o texto con motivo do Día Internacional da Lingua Materna. «É moi importante que Nacións Unidas empregue por primeira vez o galego. É unha continuidade ao compromiso que Fernand de Varennes mostrou en Santiago o pasado mes de xaneiro sobre a situación que atravesa a nosa lingua», apunta Móniza Pazos, a secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística. De Varennes visitou Galicia hai un mes onde se reuniu con varios colectivos, incluída a Mesa. «Foi o noso primeiro encontro en Galicia cun alto comisionado da ONU», destaca Pazos. Aquí, os responsables da Mesa presentáronlle un informe sobre a encrucillada que vive o idioma.
É imprescindíbel apartármonos da ideoloxía de que as sociedades e estados deben ter só unha lingua
«De Varennes incluíu datos do noso estudo no seu informe preliminar sobre a situación das linguas minoritarias que publicou en xaneiro», engade Mónica Pazos. Un traballo do que se publicará a súa versión final no 2020 e onde se resaltará o feito de que os Estados teñen que asumir que non existe unha única lingua. «Fai fincapé tamén nos dereitos lingüísticos da poboación», subliña a secretaria da Mesa, que lembra: segundo reflectiu o último informe do Instituto Galego de Estatística (IGE), apenas o 20 % dos mozos de entre 16 e 25 anos falan galego. «Unha porcentaxe que será peor cando se publiquen os novos datos do IGE. Un factor no que a política lexislativa da Xunta ten moito que ver», prognostica Pazos.
Como destacou o relator da ONU, a lingua: «É unha ligazón esencial co noso pasado, o vínculo principal das nosas culturas, e a ferramenta básica para comunicármonos e compartir coñecementos, lembranzas e historia».