Ás veces convén reflexionar sobre determinadas palabras de orixe popular que están aceptadas e incluídas no dicionario da Real Academia Española. Pode ser que algunhas sexan enxeñosas, graciosas, incluso que enxalcen a riqueza lingüística do idioma, pero hai outras que igual están algo fóra de lugar por ser particularmente ofensivas e desafortunadas.
O outro día, nas redes sociais dunha canle pública de televisión, achei un vídeo sobre os perigos do acoso en Internet, e, se ben a idea central é moi boa, a súa formulación, ao meu modo de ver, resulta un tanto desafortunada. Nel aparece un rapaz que por non xogar un bo partido co seu equipo de baloncesto é acosado nas redes, e entre as supostas lindezas e descualificacións que se lle profiren está a de «dedícate á gaita, o baloncesto non é o teu», coma se tocar a gaita fose algo inferior ou malo; ou noutra imaxe na que se ve o cativo cunha gaita colgando e co cartel despectivo de «soplagaitas». Se temos en conta que na RAE a palabra soplagaitas quere dicir persoa parva ou estúpida xa dá que pensar entre a relación de «tocar a gaita» e «soplagaitas». É certo que haberá quen opine que non é para tanto, pero os que amamos a gaita sabemos que é algo máis que un instrumento musical: é un símbolo, un sentimento, un xeito de amar a unha terra e a súa cultura, polo que penso que afecta a un colectivo humano moi amplo dun xeito despectivo.
Opino que deberiamos corrixir e reflexionar sobre o uso de determinadas expresións, porque desprezos do estilo «soplagaitas» ou o empregado tamén para menosprezar a nosa televisión pública como «telegaita», que pode ser mellor ou peor pero non ten por que levar ese cualificativo, xustifican insultos de calado maior como pode ser o de «gallego» como curto de entendemento ou os xa tristemente famosos chistes «de gallegos» tan populares nalgunhas latitudes. Por non falar de como escribían sobre nós algúns autores casteláns como Quevedo, Tirso de Molina ou Góngora, entre outros. Creo que é bo reflexionar ao respecto.