
As escavacións soterran o tópico e amosan que a cultura castrexa tiña estreito contacto co norte e o Levante
02 jul 2019 . Actualizado a las 21:00 h.Galicia sempre navegou nas marxes do mundo, vestida con este traxe da fin da terra. Aínda non foi quen de sacar o dengue do illamento e a camisa do atraso. Pero aos poucos, vaise espindo de tópicos. Non. Galicia non é a fin do mundo. Xa era o centro mesmo antes de ser Gallaecia. O noroeste funcionaba como unha rótula cultural, articulación entre o mundo atlántico e o mediterráneo. Un pobo entre dous mundos. Os galaicos que habitaban o castro da Lanzada estaban a catro días de navegación de Cádiz e a outros catro de Cardiff. Era máis doado ir de Sanxenxo a Andalucía que a Madrid. Alá vai o mantelo: nin illamento, nin atraso, nin economía de subsistencia. «Esas influencias que chegan primeiro do norte e logo do sur conflúen aquí e dan lugar a que se desenvolva unha cultura máis avanzada do que pensabamos» en contacto directo con altas culturas, como o mundo púnico, «que teñen moita influencia no desenvolvemento dunha expresión cultural propia como é o mundo dos castros».
De cambios de perspectiva fala Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra e comisario, xunto a Antoni Nicolau, da mostra Galaicos: un pobo entre dous mundos, que fai o camiño de volta desas primeiras rutas comerciais e culturais entre o Mediterráneo e Galicia que deixaron, por exemplo, unha espada de bronce de orixe chiprota no castro da Lanzada ou dous ascós fabricados en Ibiza en Catoira e o Castro de Alobre.

Máis alá dos tópicos
A mostra, que se inaugurou no Museo Arqueolóxico Nacional e que ata o vindeiro mes de setembro estará en Valencia, fai ese percorrido de volta a través das pezas que ispen a Galicia do tópico do atraso e o illamento: a estela da Pedra Alta de Castrelo de Val, unha estela alentejana que se concentraba no suroeste peninsular; a diadema de Elviña, que ten pequenos ornitomorfos, patiños chegados do mundo mediterráneo; o caldeiro do castro de Ribadumia, que sae por primeira vez de Galicia e que amosa a relación con ese mundo atlántico por comparación con caldeiros das illas británicas ou o de Cabárceno.
Se nas escavacións foron aparecendo materiais que amosaban unha relación estreita con outras culturas, por que seguía funcionando o tópico dos confíns da terra? O primeiro, un certo sentimento de inferioridade á hora de equiparar o que acontecía no noroeste co que estaba a pasar no resto da Península. E logo, «creo que había un descoñecemento de pezas», di Rodríguez. Ata hai non moitos anos pensábase que todas aquelas cerámicas ou elementos de metalurxia que fosen novidades non podían ter chegado antes da romanización. Así que se consideraban instrusións modernas. A partir dos 90 comezou a cambiar o paradigma. «Nos últimos 15 anos é brutal, porque en todos os castros prerromanos están aparecendo materiais mediterráneos prerromanos» e tamén da tardoantigüidade. Cando o Imperio Romano comezou a esfarelar, Vigo era un centro receptor de materiais orientais: aparecen pezas do norte de África, de Palestina, de Turquía, de Grecia, da península itálica...

Ese percorrido de volta cara ao Mediterráneo tamén lle permite á arqueoloxía mediterránea descubrir novas conexións e chegar á conclusión de que «a Idade de Ferro non é tan distinta entre o noroeste e a zona levantina» a través da descuberta de conexións co noroeste peninsular, por exemplo nas fortificacións dos poboados da Idade de Ferro ou na celebración de banquetes, pero tamén nas ritualización das portas de acceso de determinados xacementos, como a entrada monumental de Monte do Castro, comparable coa de la Bastida de les Alcusses en Valencia e que ten á súa vez outro paralelo en Puente Tablas, en Jaén.