Cúmprense cen anos do nacemento do escritor pioneiro en reflectir o horror do Holocausto, a voz dunha testemuña que loitou por conquistar a memoria
31 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Tal día como hoxe hai cen anos, a cidade italiana de Turín presenciou como o escritor Primo Levi chegou ao mundo. Nado no seo dunha familia xudía, pronto esta situación xogaría na súa contra. Logo de graduarse en Química na universidade turinesa, Levi atopou dificultades para conseguir un emprego debido ás leis raciais, un conxunto de medidas que o réxime fascista italiano adoptou en contra dos xudeus. Posteriormente, o 21 de febreiro do 1944, Levi foi deportado e enviado ao campo de concentración de Auschwitz. O lugar onde se forxou a súa obra capital: Se isto é un home.
Tras abandonar Auschwitz en 1945 grazas á liberación do Exército Vermello, Levi ansiaba contar o que presenciara. Como explica o tradutor ao galego da súa obra Se isto é un home, Xoán Manuel Garrido, Levi desexaba «falar por boca doutros, daqueles que non podían narrar o seu testemuño».
É dicir, «sentía unha obriga ética e moral con esas persoas que, debido á morte, non tiñan a posibilidade de contar a súa experiencia nos campos de exterminio», asegura Garrido. Isto é, o escritor italiano arelaba que o Holocausto non caese no esquecemento. Levi perseguiu que o pavor sufrido por tantos resultase inesquecible, acadando, deste xeito, que el tamén o sexa.
Primo Levi, pioneiro
Como explica o escritor Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, unha obra que afonda nos centros de concentración nazis, «Levi foi un dos escritores pioneiros en narrar, desde a experiencia, a historia dos campos de exterminio en primeira voz». «El foi capaz de outorgarlle unha dimensión concreta a uns acontecementos que escapan á compresión humana», expón Riveiro Coello. En verbas de Garrido: «Levi é quen establece a estrutura de como se ten que escribir o relato do Holocausto».
Con todo, Primo Levi desmitifica a idea de supervivente, afastándoa da imaxe de heroe: «Na súa obra non hai nada de idealización ou un carácter melodramático como noutras obras sobre o horror do Holocausto», afirma Riveiro. «Levi fala do supervivente desde un ton crítico, afondando na cuestión azarosa daquel que sobrevive a un campo de exterminio», describe o autor de Laura no deserto.
Co fin de acadar este obxectivo, o escritor italiano recorreu a unha «linguaxe mesurada de testemuña, non de vítima. É dicir, o valor de Se isto é un home é a ollada espida, dolorosa e limpa que emprega Levi», asegura Riveiro.
Optimista e crítico
Se isto é un home complétase con dúas obras que compoñen a famosa triloxía de Auschwitz: La tregua (A tregua) e I sommersi e i salvati (Os afundidos e os salvados). No seu conxunto, en especial a primeira e última, «reflexionan sobre a convivencia do ser humano», describe Garrido. «A pesar da barbarie, el seguía mantendo a fe no home, Levi era optimista e fuxía dos extremismos, nunha actitude antimaniquea», explica o tradutor.
Dita circunstancia derívase de realidades vividas por Levi nos campos de concentración como a amizade ou a solidariedade. Incluso logrou sobrevivir grazas á axuda humana. Por outra parte, Levi amosouse crítico con acontecementos como a masacre de Sabra e Chatila, onde Israel foi considerado indirectamente responsable. A pesar da súa ascendencia xudía sefardí, el denunciou ese acto violento e «sempre pelexou pola defensa do feble», asegura Garrido.
Se o Holocausto é inesquecible, Levi foi e é necesario: «Este tipo de relatos axudan a comprendernos a nós mesmos e evitar que volvan acontecer situacións como estas, que non aparezan movementos que neguen aos demais», conta Riveiro. E como di Garrido: «Levi é un alertador de conciencias e perigos». Isto é, Levi é inesquecible.