Eduardo Maragoto: «Coa proposta de Carvalho Calero a situación do galego sería mellor»
CULTURA

«A relación da nosa agrupación co mundo oficial mellorou moito. Hai avances para o que nós defendemos», afirma o presidente da Associaçom Galega da Língua, AGAL
17 feb 2020 . Actualizado a las 18:22 h.«A homenaxe a Ricardo Carvalho Calero no Día das Letras Galegas do 2020 é merecida, por ser un dos principais intelectuais do galeguismo. A sociedade e a cultura galegas están agora máis maduras para trataren temas que el defendía, como o reintegracionismo, que significa ter en conta a lingua portuguesa e o mundo lusófono para fixar a normativa e normalizar o galego, pois iso foi o que propiciou o seu ostracismo», afirma Eduardo Maragoto (Mañón, 1976), presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL). Carvalho Calero foi dos principais promotores desta entidade, fundada en 1981 e á que pertenceu até que finou, en 1990.
-Como valora a AGAL este recoñecemento a Carvalho?
-Estamos moi felices. Faremos o maior esforzo para divulgar a súa obra e favorecer o debate serio sobre o seu ideario na sociedade galega. A AGAL sempre promoveu a Carvalho. O ano pasado reeditamos a súa obra narrativa Scórpio, e recentemente unha antoloxía da súa poesía, e temos moitos proxectos para chegar a todos os sectores sociais.
-Que valora como o máis importante de Carvalho?
-O seu ideario lingüístico, sen dúbida, que el quería legar para a posteridade, e que diverxe do que defende a Real Academia Galega, para a que debeu ser difícil aprobar esta homenaxe e que por iso merece os parabéns. Porque de non ser polo reintegracionismo Carvalho non tardaría tantos anos en ser recoñecido.
-Por que pensa que non?
-Polos seus moitos merecementos: por ter redactado o proxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia na década de 1930, publicar a primeira obra narrativa longa despois da Guerra Civil ou ser autor das normas ortográficas do galego no franquismo -e até as de 1980, pois era o ideólogo lingüístico da Real Academia Galega-; asemade fixo a Historia da literatura galega, que fixou o canon, e a gramática do galego de maior éxito, amais de ser o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega na USC. Nos últimos anos de vida o seu maior esforzo foi para defender o reintegracionismo, sendo consciente de que iso faría que fose marxinado polos poderes oficiais, como así foi.
-Como é que insistiu tanto no reintegracionismo?
-Por ser continuidade da historia e tradición da lingua galega, xa desde a Idade Media, e desde os tempos de Murguía no Rexurdimento. Coa proposta de Carvalho a situación do galego sería mellor hoxe, máis forte, por iso esa proposta está a ser agora mellor entendida pola sociedade galega.
-Por que mellor entendida?
-Porque hai moitas máis persoas que comproban como o galego serve para a intercomunicación cos países de lingua portuguesa, sen necesidade de tradutores; ou como para quen sabe galego o coñecemento do portugués é moi simple, o que non acontece con outras linguas. Hoxe hai máis facilidade para o contacto falado e escrito cunha lingua internacional como é o portugués.
-Ven receptividade a iso?
-Si, notamos que en ámbitos políticos e culturais, mesmo en sectores moi afastados do galeguismo, moitas veces lamentan que as propostas de Carvalho non se aplicasen a inicios da década de 1980. Porque de teren prosperado a posición de Galicia sería mellor, con máis oportunidades culturais, económicas, laborais e outras; Galicia leva as catro últimas décadas perdendo moitas oportunidades por non seguir o ideario de Carvalho.
-Responden as institucións?
-A relación da nosa asociación co mundo oficial mellorou moito. Notamos que hai avances para o que nós defendemos. Aí están a Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade no Parlamento galego no 2014, e que a Xunta está a desenvolver, aínda que pensamos que se deberían facer maiores esforzos; o Consello da Cultura Galega, que, xunto á Academia Galega da Língua Portuguesa, están como observadoras na Comunidade de Países de Língua Portuguesa; o Concello de Santiago, que ingresou na Unión de Cidades Capitais da Língua Portuguesa; ou a Real Academia Galega, que dedica as Letras Galegas de 2020 a Carvalho. Estes son pasos que deben favorecer unha mudanza positiva para a nosa lingua.
«As Letras deben activar as relacións culturais e económicas co mundo lusófono»
Eduardo Maragoto é licenciado en Filoloxía Portuguesa pola Universidade de Santiago e profesor de Portugués na Escola Oficial de Idiomas compostelá. Avanza que a asociación que preside prepara «moitos materiais e actividades en diversos formatos, e un grande encontro para a lectura pública da obra de Carvalho, para que as próximas Letras Galegas supoñan un antes e un despois».
-Cal é a posición da Associaçom Galega da Língua hoxe sobre o idioma galego?
-Desde que se fundou, a nosa asociación defendeu sempre, e defende, un modelo de normas ortográficas e morfolóxicas para o idioma galego acordes co ideario de Carvalho. Utilizamos diversas estratexias para tentar avanzar.
-Ultimamente falan de «binormativismo», en que consiste?
-Pensamos que é interesante utilizar experiencias de países como Noruega ou Luxemburgo, onde hai dúas normativas socializadas para os seus idiomas. Iso aquí consistiría en que na educación se ensinasen, alén da normativa da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega, como acontece agora, tamén o que nós defendemos, que se vexa a nosa como unha forma de potenciar o galego para mellorar a comunicación con case 300 millóns de falantes de portugués. Será tamén unha idea na que insistiremos nas actividades das Letras Galegas.
-Ven relación dese tema coas Letras Galegas?
-Si, porque a homenaxe das Letras Galegas a Carvalho Calero debe servir para activar as relacións culturais e económicas co mundo lusófono. Reler a súa obra pode axudar para esas relacións, e o binormativismo potenciaría as posibilidades da nosa lingua para atinxir ese obxectivo.