Parece mentira, pero é unha realidade sostida polo propio Wenceslao Fernández Flórez cando afirmaba con rotundidade que el aparecera «no xornalismo tan á forza coma un confeiteiro desempregado pode aceptar traballo nun forno de pan». Porque a el o que de certo lle reinaba «era escribir contos e novelas, pero diso non se podía vivir». Por esta vía clara e recoñecidamente forzosa chegou a ser un gran xornalista e un escritor moi recoñecido. Pero non deixou nunca de afirmar que era un «avultado erro» o que cometía a xente que sostiña que el era fundamentalmente un xornalista. Por aí non transixía, malia o seu éxito nos diarios nos que traballou, sobre todo no ABC da época.
E non conforme con esta revelación, don Wenceslao poñía a énfase nos seus «repetidos fracasos de xornalista». E explicaba: «Se calquera mediano crítico intentase explicar a boa sorte das miñas crónicas, podería facelo, en cambio, fixándose en que, nelas, non é o xornalista, senón precisamente o literato, o que atrae ó lector», ata o punto de que a maioría dos artigos «son parábolas que levan a fantasía dun contiño».
Mais Fernández Flórez sostiña que as súas intencións eran proclamar que o xornalismo constitúe unha práctica que debera figurar na preparación de todo literato. Porque os artigos impoñen certas leis de condensación, exclúen a superabundancia retórica, apertan, limitan, cinguen o estilo, obrigan a dicir brevemente e con claridade o que se quere dicir. O literato adoita ser frondoso e o xornalismo ensina a manexar «as útiles tesoiras da poda». Por aí se abre o camiño que leva a unha plataforma na que se pode «danzar fermosamente», isto é, como el dicía, «ir belamente a algunha parte».
Aquí está a diferenza. Porque a arte de escribir require o sentido espacial da linguaxe que ten o literato, o poder de darlle ó seu estilo unha música propia, tan súa como era a de Mozart para Mozart. A fantasía e a capacidade creadora que require o labor literario «forman un traxe demasiado ancho para o articulista». Por iso el quería medirse cos grandes escritores. Entrou na Real Academia Española en 1934 e pronunciou o seu discurso de ingreso en 1945 sobre O humor na literatura española. Pero nunca deixou de ser un triunfador insatisfeito!