O cineasta, que aspira aos Goya en catro categorías por «O que arde», repasou o sentido da súa obra na Coruña
05 dic 2019 . Actualizado a las 10:30 h.«Paga a pena tanto esforzo, proxectos tan complexos, rodaxes tan duras? Co sinxela que é a vida, sobre todo para o artista, para quen é tan fácil conectar coa beleza, que o libera e o embriaga. Pregúntome se paga a pena», confiou este martes o cineasta Oliver Laxe na Escola Superior de Arquitectura da Coruña, a onde chegou invitado a falar no grao de Paisaxe da UDC. El mesmo contestou que si. «Vimos a este mundo a servir. A felicidade vén cando un sinte que está a servir. Cando non, deprimímonos e degradámonos», explicou. E O que arde, o seu último filme, rodado en galego, o máis visto en salas da historia, premiado en Cannes e que aspira ao Goya á mellor película, dirección, fotografía e actriz revelación, «máis alá de se é bonita ou fea, é unha película que era necesaria, que sirve de espello e que estrutura. Teño a sensación de que con ela servín», celebrou o cineasta.
Laxe entregou a un auditorio curioso e atento unha charla de tres horas sobre cinema, filosofía, espiritualidade, poesía, paisaxe, natureza, Os Ancares, os palmeirais de Marrocos, as montañas do Atlas, Londres, «a cidade de ninguén», Tánxer e as culturas todas nela, ou Mumbai e Casablanca, «cidades tolísimas onde aínda se ven expresións humanas de soberanía e xente empurrando un carro que logrou ser libre a pesar da putrefacción e a decadencia», subliñou o director. Tamén desvelou preferencias, «filmar rostros e espazos é o que máis me gusta», e lembrou os espazos periféricos de Pasolini en Mamma Roma ao fío dun traballo seu sobre a construción de estadios en Marrocos para un posible Mundial de fútbol que ao cabo foi para Sudáfrica e deixou as estruturas nunha especie de limbo entre o novo e a ruína. «Fascinoume esa mezcolanza, ese bastardeo, niso consisten as culturas, as linguaxes. O que máis me gusta é localizar. Sentir ese choque de tempos. Encántame traducir en imaxes ese choque», relatou o autor, que incidiu no propósito dos cineastas de «facer imaxes para chegar ao final da linguaxe, a ese rapto extático, esa comuñón, ese pequeno levitar que nos fai seres emancipados, libres e soberanos».
Crítico co materialismo, a desacralización do mundo e «o culto á personalidade e aos egos, agora hai que ser alguén, hai que expresar, penso que viviriamos nun mellor mundo se non firmásemos as nosas obras», o autor de Mimosas opuxo a experiencia da natureza «que non deixa que os egos suban. Temos a ilusión de que a cidade nos protexe. O campo, non. Alí somos fráxiles. E ese sentirse pequenos esculpe no ser humano valores, por fricción, de desapego, humildade, aceptación. Aínda na xente sen liñaxe nin ecos dese campo hai unha ferida aberta, pola desconexión da natureza. E hai orfandade e nostalxia de volver á casa».
Aí nace o medo do cinema contemporáneo. «É unha mágoa, porque o que se nos pide é que non teñamos medo. O espectador agradece cando lle damos a saborear a liberdade», observou Laxe, que proclamou novos principios. «Hai que reencantar o mundo. Hai que reocupar os ceos de mitos. Algún dos vellos pode valer. A modernidade fracasou. Para os que sigades pensando que aínda ten sentido, síntoo», resolveu. A modernidade di que non hai que ter certezas. «Pero claro que hai que ter certezas! Hai que baleirarse, por hixiene psicolóxica, a certeza é do corazón», rematou despois de compartir o fin último do seu traballo. «As películas son peticións de amor. Eu dígovos: Mirade o que fago, querédeme!».
«O ser humano está en perigo de extinción»
Na aldea de Navia de Suarna á que a familia de Oliver Laxe regresaba no verán no seu Renault 9 desde París -os últimos dous quilómetros a pé, detrás da burra do avó, cargada coas maletas- vai abrir o cineasta o Centro Pedagóxico Terapéutico Comunitario Ser (do río Ser, que baixa por aqueles vales), nome formal e atinado para un proxecto financiado pola Unión Europea e a Deputación de Lugo, mais non para a vida, adiantou o realizador, que lle vai seguir chamando Casa de Quindós. Na aldea hoxe deshabitada atópase a casa matriz, o souto do Rebolín cos seus 160 castiñeiros e o espazo polo que Laxe se sinte «secuestrado», de onde vén a súa «liñaxe, de moi boa raíz, forte e ancestral, o meu cinema vive diso», e onde o autor, que andou polo Amazonas, o Sáhara, o deserto do Atlas e o Xapón, sentiu como en ningún outro lugar «a fin do mundo. O ser humano está en perigo de extinción e todo acaba alí», anotou.
En Vilela haberá obradoiros de creación e cultura, agricultura e desenvolvemento interior, sesións de cinema e un banco de casas para alugar e rehabilitar. «Xerar sinerxías culturais e económicas para asentar poboación», propón o artista entre a broma -«Vai ser un Proyecto Hombre para artistas neuróticos»- e a transcendencia: «Disolvereime alí, non sei cando (...) Son unha raíz invertida, esas raíces móbiles que pertencemos a un espazo que tira de nós».
Oliver Laxe afronta o futuro nos Ancares coa idea de servizo, que dá sentido á vida, afirma, e o determinismo valente e submiso que conecta aos seus avós, Manuela Quindós e Gumersindo Coro Coro, con Saïd, un dos protagonistas de Mimosas e guía de Laxe nunha experiencia iniciática nas montañas de Marrocos.
«Ese nivel de servizo está noutro nivel en Vilela. É o sitio que máis pode liberarme, a dureza do espazo, a submisión diante da natureza, esa escravitude... Abandónome a iso», pechou o cineasta, que interpelou «á academia», no acto na UDC, sobre a dualidade do ser e o saber: «A nosa sociedade está esculpida sobre a idea de que o saber dá o ser. Se estudas unha carreira e outra e fas un posgrao e outro serás. Pero non é así. É a paisaxe a que dá o ser».