A longametraxe de debut de David Hernández é un filme cun alto nivel de rigor formal e de risco
14 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Descúbrome diante do debutante David Hernández -novo na longametraxe, pero moi curtido director de foto- e da súa La felicidad de los perros. E levanto o chapeu porque, rompa a barreira cara a produción estándar ou mantéñase nos límites indie no futuro, confírmase autor de mirada propia, que non é pouco. O que é mirada xa a tiña como profesional da cámara, pero aquí, ignoro se consciente diso, abre unha terceira vía no cine galego, a de producir á marxe das institucións, léase en particular Xunta e Televisión de Galicia. Non rechamaría nun país normalizado, pero sen dúbida xoga ao seu favor, pois confirma que sen diñeiro público tamén se poden contar historias. Iso non evita lamentar que un filme cun alto nivel de rigor formal e de risco, con reminiscencias a Ozu que calquera cinéfilo informado rastrexaría nos seus fotogramas -máis aló do excelso branco e negro de Neira, e o delicado halo poético-, limite a súa estrea a catro cidades -Compostela, Ferrol, Lugo e Vigo, en modo restrinxido-, cando merecería unha difusión maior.
Pode, unha pena, que tal cousa veña condicionada polo citado selo independente e os seus promotores véxanse limitados de recursos para unha maior presenza en pantallas. Deixando á marxe outros datos coxunturais, un mérito do guión está en amosarnos a un parado que non atopa curro e decide deixar á súa familia para fuxir cara á saber onde, quizais aferrándose a un pasado que foi mellor, e irse a Madrid por aquilo de atopar máis oportunidades. Nesa sorte de road movie atopará varios personaxes que insisten no da vida fodida, en particular o encarnado por Santi Prego -este señor está que se sae...-, para ir camiño dun desenlace, en absoluto previsible, pero en todo caso comprensible. Estruturado en varias secuencias pechadas a negro, opta por non mastigalo todo, deixando campo ao espectador para que barrene ao seu gusto. Completa Hernández un tempo feliz para o cine galego -O que arde, Longa noite...-, á vez que abre a citada terceira vía, que o é tamén en canto a estilo. Véxase, mesmo apelando á militancia no audiovisual propio.
«LA FELICIDAD DE LOS PERROS»
España. 2018.
Director: David Hernández. Intérpretes: Fran Paredes, Deborah Vukusic, Santi Prego, Isabel Naveira, Mariana Carballal.
Drama.
93 minutos.