Versos admirados para Valente

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Valente, á esquerda, co director da cátedra do escritor, Claudio Rodríguez Fer
Valente, á esquerda, co director da cátedra do escritor, Claudio Rodríguez Fer

Un recital presenta o libro que reúne os poemas que autores en distintas linguas dedicaron ao escritor galego

27 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cos seus poemas, José Ángel Valente inspirou a colegas coetáneos e posteriores, que recoñeceron a súa ascendencia dedicándolle versos á súa figura. O profesor da Universidade Federal do Amazonas do Brasil Saturnino Valladares vén de recompilar estas composicións no libro Poemas a Valente, que se presenta este venres en Santiago (Pazo de Fonseca, 19.00 horas), nun recital que emparellará os poemas con obras de arte vinculadas á estética do escritor ourensán de creadores como Tàpies, Chillida ou Saura.

Entre os poetas que dialogaron en verso con Valente figuran Antonio Gamoneda, Luz Pozo Garza, José Agustín Goytisolo, Blanca Varela, Vicente Aleixandre ou Claudio Rodríguez Fer. Este último, director da Cátedra Valente da Universidade de Santiago, destaca que as composicións nacen dunha mestura de admiración literaria e persoal. Pon como exemplo o vínculo que uniu a un Valente mozo co premio Nobel Aleixandre, quen, tras facer unha excursión xuntos, lle escribiu un poema, o primeiro cronoloxicamente desta serie.

Rodríguez Fer destaca outros nomes contemporáneos de Valente como Alfonso Costafreda ou José Agustín Goytisolo, autor de Leyendo a Castelao, versos dedicados ao ourensán, evocadores tamén de Galicia. E logo están autores posteriores, os casos de José Miguel Ullán ou Pere Gimferrer, mais os que escriben noutras linguas, desde os franceses Bernard Noël e Jacques Ancet, ata os galegos Luz Pozo e o propio Rodríguez Fer. O director da cátedra explica como os versos que lle inspirou o pasamento de Valente naceron precisamente da derradeira visita que lle fixeron el e mais a súa muller, a tamén escritora Carmen Blanco, ao poeta no seu fogar en Almería. «Despedímonos no portal, un portal de grandes dimensións, onde a figura de Valente, moi delgado xa pola enfermidade, semellaba unha figura de Giacometti», lembra. Neses intres de partida, o poeta e amigo díxolles: «Xa teño nostalxia de vós». Palabras que dalgún xeito se transformaron nos versos de Rodríguez Fer titulados Nostalxia de nós. Un texto no que se mesturan dúas voces, a da admiración e a do homenaxeado.