O centenario da revista e de Díaz Pardo e o Día das Letras de Carvalho Calero centrarán a atención literaria
28 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Hai cen anos Rusia recoñecía a independencia de Letonia, Estonia e Lituania, celebrábanse uns novos Xogos Olímpicos en Anveres e, entre nós, Galicia festexaba un novo ano xacobeo. Realidades vividas, non é difícil conxecturalo, de maneira ben distinta a como poderiamos percibilas hoxe en día. Talvez a publicación do primeiro número dunha revista chamada Nós fose acollida con certa indiferenza, se cadra porque o proxecto de poñer en marcha unha revista cultural e monolingüe en galego, da man de Risco, Otero e Castelao, constituíse un soño, de resultados imprevisibles, nada ao abeiro daquela teimosía en difundir a doutrina ideolóxica do galeguismo, que aínda nacera como tal aínda había pouco tempo.
Revisar os números da devandita revista, ata a súa desaparición no ano 1936, evidencia o afán de modernización e europeización dunha cultura propia que manifestaba, con orgullo, as súas propias características identitarias e unha maneira peculiar de estar no mundo. Nas súas páxinas articulistas afondaban na idea de espallar con rigor as bases da nosa cultura en diversas dimensión e abrazaban un espírito aberto a todo aquilo que os rodeaba naquel momento. Así consta nas súas Primeiras verbas: «Nós ha ser a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s’afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra».
Precisamente este ano vindeiro o foco mediático ha dirixirse xa non só cara á relevancia que un proxecto como a revista Nós gozou e goza para a cultura galega como, por extensión, ao que supuxo tanto o grupo como a época homónimas. Sería bo tamén ter en conta que daquela nacía un xénero entre nós como é o ensaio ou, mellor chamado, as prácticas ensaísticas. Os ideólogos do grupo sabían ben que sen ensaio en lingua galega, sen a consolidación dunha prosa culta de non ficción, a nosa cultura non se desenvolvería con plenitude. A publicación dunhas conferencias de Castelao ditadas no ano 1920 xa se poden adscribir aos primeiros pasos do ensaio en galego. Dun ou doutro xeito a ollada ao patrimonio, ao capital simbólico, político e cultural que se deriva de Nós resulta unha obriga pois sen estas achegas resulta difícil entender a cultura galega de hoxe. Cómpre non esquecer, nesta liña, eses primeiros pasos dados cara á visibilidade pública do idioma galego como é o caso representado polo avogado Lois Peña Novo, primeira persoa que empregou a lingua galega nunha institución municipal como foi o Concello da Coruña, na toma de posesión como concelleiro electo polas Irmandades da Fala o 7 de xullo de 1920.
Este 2020, aínda así, han centralizar a atención -ou debería- diversas efemérides, alén da precisa evocación dunha voz senlleira do século XX como é Ricardo Carvalho Calero que protagonizará, e xa protagoniza, publicacións, debates e congresos centrados en analizar, herborizar e difundir a súa obra literaria. Refírome a tres centenarios que naceron naquel ano como foron o do grande Isaac Díaz Pardo, a quen tanto se lle debe como artista, como editor e empresario; o de Ramón González-Alegre -alma máter da revista Alba e poeta- e tamén a do ensaísta o impulsor das homilías en galego, Miguel Anxo Araúxo.
A figura de Manuel Puente
Retornando ás derivas biográficas dos membros compoñentes do grupo Nós creo, ademais, que sería de xustiza evocar o cincuenta aniversario do falecemento de Manuel Puente, figura que esmorece inxustamente cada día máis e que, entre outras actividades, desenvolveu un papel esencial nos últimos anos de vida de Castelao, nomeadamente do seu período bonaerense.
Cen anos da morte de Luís Otero Pimentel, autor da semiesquecida Campaña de Caprecórneca e tamén do poeta e dramaturgo ortigueirés Ramón Armada Teixeiro, van da man do centenario da publicación tanto da primeira edición de Do ermo, de Noriega Varela como da novela Néveda, de Francisca Herrera Garrido. Referencias que completan un panorama rico en posibles celebracións porque a memoria tamén supón isto: dirixir a vista atrás e recoñecernos en todo o que nos trouxo ata aquí.