Xosé Luís Franco Grande: «Ramón Piñeiro representa a continuidade do galeguismo, sen el non sería posible»
CULTURA
O escritor e académico amplía con nove novos retratos de amigos o seu libro de 1991 «A ilusión da esperanza», que vén de publicar agora o selo Galaxia
29 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Un pode retratar aos seus amigos, os amigos pódeno retratar a un, e ata un pode autorretratarse retratando aos amigos. Ten moito disto último A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos, o novo libro de Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 1936), no que o escritor e académico amplía con nove novas biografías a edición que publicou en 1991, subtitulada De Cabanillas a Baixeras (Edicións do Cumio). Non foi a súa intención, asegura, aínda que hai quen llo lembra, como por exemplo Xesús Alonso Montero: «En realidade este libro é a túa biografía». E el acaba por conceder unha parte: «En certo modo si, porque con todas esas persoas tiven relación moi estreita, fomos moi amigos. Si, ben podería ser a miña biografía espiritual». Sempre vinculada á construción do galeguismo, matiza, porque ese, máis aló da amizade, é o fío condutor deste grupo humano que concita o volume editado por Galaxia.
O tributo aos amigos é o primeiro piar do traballo. «Chegou un momento -explica Franco Grande- no que me dei conta de que na miña actividade en relación co país atopei moitísimos amigos, moitos máis dos que eu pensaba». Tiña que homenaxealos, incide, porque de todos eles aprendeu algo. Cando se puxo á tarefa non pensaba que ía ter 49 amigos (os que reúne o libro). E quédanlle fóra moitos máis. Uns resístense máis ca outros a seren retratados, admite. «É como cando fas unha caricatura ou unha fotografía. Unha caricatura de certas persoas faina calquera, pero doutras é cousa máis difícil». E o libro ofrece a posibilidade dunha terceira ampliación. «É un proxecto aberto», ratifica.
Nega, iso si, que a inspiración lle viñera de O libro dos amigos do seu admirado Otero Pedrayo. «Máis ben o que me moveu para escribir foi Españoles de tres mundos de Juan Ramón Jiménez [editado en Buenos Aires en 1942 polo selo Losada], porque é un texto brutal, desapiadado, máis ben un libro dos inimigos. O poeta búrlase de todo dios. Eu buscaba todo o contrario, un libro amable, agradable, dando unha visión moi positiva da xente».
-E os inimigos onde quedan?
-Non sei se os teño, se hai algúns por aí. Hai persoas coas que conectas e outras coas que non conectas. Non pasa nada.
-Dan para un libro?
-Non, non, que va, non sería capaz de escribir un libro coma o de Juan Ramón Jiménez. É desapiadado. A Machado chámalle porco, e de Eugenio Montes, poeta moi menor de Vigo, di: «Cuando yo le conocí bailaba mejor el tango que la poesía». Vaia unha maneira de falar de alguén...
Quen ten un lugar preferente no libro dos amigos de Xosé Luís Franco Grande é Ramón Piñeiro, ao único que lle dedica dúas pezas. Foi unha gran figura para el, e supuxo -«sen dúbida ningunha»- unha inflexión no seu percorrido vital. Sitúao en dous tempos moi distintos, 1954 e 1989.
«Piñeiro foi o centro de todo. Sen el, non sería posible a continuidade do galeguismo. Estaba desfeito todo pola guerra. A xente tiña medo. Dos que quedaban, un andaba por un lado e outro por outro. E os mozos non tiñan nin idea do que era iso do galeguismo. El, con moita paciencia, foi recuperando, buscando, primeiro na universidade... E pouco a pouco foi garantindo a continuidade. Gañando á xente nova para a causa do galeguismo. É o que representa fundamentalmente el, a continuidade».
A palabra que podería definir a Ramón Piñeiro -prosegue- é a de animador. A mellor proba diso, apunta, son os epistolarios que hai, os que se foron publicando e outros que están sen publicar e custodia en Vigo a Fundación Penzol. «Esas cartas revelan o que Piñeiro foi para tanta xente. Porque creou unha rede tremenda, que foi tecendo cunha paciencia infinita. Apoiando a todos. En certa ocasión preguntáronlle por que escribía tan pouco, e el dixo: “A miña misión foi facer que outros escribiran”». Máis que escribir el -insiste o autor-, facía que outros traballaran, que escribiran, que investigaran, que fixeran cousas polo país.
Este papel cadraba ben con el, xa que era persoa moi discreta e modesta. Non miraba por figurar. «Non ten nada que ver cos políticos ao uso que hai por aí. Políticos de pouca monta que están no candelero, que só queren saír na foto. Iso a el non lle importaba nada», lembra Franco Grande.
No libro de Franco Grande hai nalgunha medida un certo retrato tamén da evolución da sociedade galega, aínda que el rexeite que tal cousa estivese entre os seus obxectivos, que pasaban por mostrar un camiño aberto «e, sobre todo, animar a que hai que continualo».
Chama tamén a atención a dedicación de dous capítulos do libro a outras tantas mulleres case anónimas, que aparentemente non tiveron un papel protagonista neste relato: Elena Tormo, esposa e verdadeira «lady of the house» de Domingo García-Sabell, e Isabel, a muller de Ramón Piñeiro. «Para min, tiveron moita importancia, as dúas. Polo moito que apoiaban a tarefa dos homes. Cunha entrega absoluta. O que aturou a muller de Piñeiro a todos os que por alí pasabamos, subiamos, entrabamos naquela casa como se fose a nosa casa... E a muller de García-Sabell igual. Este tributo é fundamental, non o cambio por nada. Elena e Pilar son dúas mulleres que tiñan que estar aí cos mesmos títulos e xustificacións que calquera outra persoa». Franco Grande quíxoas destacar así, con cadanseu capítulo cada unha. «Son protagonistas -remacha-, doutra maneira, pero protagonistas. Un pode ser protagonista de moitas maneiras e elas o foron apoiando aos seus maridos e a causa na que os seus maridos estaban embargados».
Preservar a memoria da loita pola democracia
Con Ramón Piñeiro, outra figura emerxe de A ilusión da esperanza cunha presenza especial: o gran profesor Ramón Otero Pedrayo. Naquel momento simbolizaba -proclama Xosé Luís Franco Grande- a cultura galega. «Era unha persoa venerable. Nunhas épocas dificilísimas mantivo posturas tremendamente fortes de oposición ao réxime. É un caso dunha gran pureza, un home moi rexo. A diferenza de Vicente Risco, que se asustara coa represión, don Ramón non se amedrentou con nada, nunca». Evoca aquelas súas clases que moitos dicían que namoraban. «Era un grande orador, distinto. Hoxe non se concibe un orador coma el. Unha mestura moi curiosa de música, de oratoria... Nalgúns aspectos podía ser moi eficaz. Tiña momentos, coma todos, mellores ca outros, pero eu oínlle algunhas intervencións impresionantes». Posuía talento natural, pero tamén erudición. «Si é certo -acepta- que era un home extraordinariamente culto, pero tiña unhas condicións fascinantes para a oratoria».
Franco Grande cre que é necesario recuperar estas figuras, para paliar a falla de memoria histórica que padece Galicia. Xa o dicía no prólogo á edición de 1991. «Era verdade entón e é verdade agora -lamenta-. É un problema moi complicado. Hai que ir reconstruíndo a memoria histórica pouco a pouco. A base de documentos, de traballar por coñecer mellor o pasado, de moita dedicación... Se falla é precisamente pola pouca atención que se lle ten dado». Trasladar este coñecemento ás novas xeracións é a razón que o motiva: «Escribo para que a cousa non se perda. Este é un testemuño, pode haber moitos máis, oxalá. A min gustaríame que todo o mundo fixera as súas memorias, pero nin sequera Piñeiro as escribiu». Hai que preservar a memoria da loita polo galeguismo e pola democracia, subliña: «Nós identificabamos unha cousa coa outra. Eramos fundamentalmente antifranquistas, demócratas, e queriamos que a solución para Galicia fose unha solución democrática». Franco Grande convida a que esa ilusión e esperanza de entón se manteña firme para evitar que o traballo feito remate en ningures.
-E como ve ese camiño?
-Ese camiño xa non é cousa miña. Son futuribles. Que falen os políticos, que saben e adoitan falar moito de futuro. Eu non.