Os novos nomes antigos, das Abelairas a Zarra

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Un exemplo do visor de Galicia Nomeada, co foco posto no concello de Betanzos
Un exemplo do visor de Galicia Nomeada, co foco posto no concello de Betanzos

A aplicación Galicia Nomeada recupera máis de 4.000 microtopónimos en menos de dous meses

20 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A toponimia é un dos tesouros da lingua e da cultura galegas. Atopar esa auténtica trabe de ouro é a vocación da aplicación Galicia Nomeada, posta en marcha pola Real Academia Galega e a Xunta, e dende hai menos de dous meses xa encheu a arca de alfaias: máis de 4.000 nomes que foron xeorreferenciados e que están dispoñibles para gozo e abraio de quen abra o visor desta ferramenta. Nomes antigos que volven ser novos, xa que logo, unha vez documentados e fixados, o que os converte en mensaxes que se proxectan dende o pasado cara ao futuro.

Non figuran en moitos mapas e, dende logo, en moitos dos sinais espallados polas estradas, pero aínda viven na memoria e, agora, nese coñecemento común e colaborativo que fornece Galicia Nomeada. O visor permite comprobar cantos nomes hai recollidos por concello e, unha vez dentro do seu territorio, ver os topónimos no seu contexto. Son nomes de prados ou leiras, de montes ou fontes, penedos ou rochas, que ademais do seu valor identificativo posúen unha importancia de seu no eido lingüístico, por exemplo. O municipio de Betanzos, por poñer un caso, suma xa máis dun milleiro destes microtopónimos, que van dende As Abelarias a Zarra.

Dende a súa posta en marcha o pasado 20 de novembro, recibíronse máis de 600 solicitudes de persoas interesadas en colaborar nesta iniciativa. Ademais da achega de nomes, a súa participación vai máis alá, xa que moitos enviaron audios coas pronuncias dos nomes, lendas asociadas a estes lugares, así como fotos de interese cultural na contorna, dende muíños a cruceiros, pasando por capelas ou fontes. Foron eles os que sumaron eses 4.000 nomes, que se veñen engadir aos 6.000 que xa foran recollidos durante a fase de probas da aplicación. Os 4.000 destas pasadas semanas foron localizados en 140 concellos. A Coruña foi a provincia que máis microtopónimos recuperou, arredor duns 1.500, seguida de Pontevedra, Ourense e Lugo.

Hai historias fermosas detrás da colaboración, como as de Susana Silva, que dende Rianxo achegou máis de 630 topónimos, ou os 509 documentados por Xulio Dobarro no Irixo. Ou os máis de mil xeorreferenciados polo profesor Xoán Carlos García Porral e o alumnado do IES Pintor Colmeiro de Silleda.

Galicia Nomeada está aberta a máis colaboracións. Na súa web explica o proceso de contacto e mais técnico para sumarse a esta procura de tesouros espallados no territorio e lingua galegas.