Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Os nenos da varíola» de María Solar pasan do papel ás táboas do teatro

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Manu Fernández, Victoria Pérez e Xosé Leis, caracterizados para a obra
Manu Fernández, Victoria Pérez e Xosé Leis, caracterizados para a obra Pérez&Fernández

A compañía Pérez & Fernández adapta o texto nunha proposta escénica para todos os públicos

24 feb 2020 . Actualizado a las 12:53 h.

En novembro de 1803 partiu do da Coruña, a bordo do María Pita, a chamada Real Expedición Filantrópica de la Vacuna, un fito na historia da medicina e un episodio que tamén inspiraría obras literarias, entre elas a novela Os nenos de varíola (Galaxia), de María Solar (Santiago, 1970). Unha narración que agora pasa do papel ás táboas do teatro grazas á adaptación homónima a cargo da compañía Pérez & Fernández e concibida como espectáculo familiar. A obra poderá verse no Salón Teatro de Santiago entre os días 28 e 1 de marzo, para despois visitar Ordes (8 de marzo), Ourense 822 de marzo) e A Coruña (16 e 17 de abril).

Catro actores -Victoria Pérez, Manu Fernández, Isabel Risco e Xosé Leis- interpretan a catro dos nenos que participaron na que tamén se chama expedición Balmis, ademais de tres dos adultos implicados: o devandito doutor, o tamén médico Antonio Posse Roybanes e a enfermeira Isabel Zendal. Todo un «reto actoral», como o cualifica Victoria Pérez, xa que o reparto de personaxes toca a máis de un por intérprete. A ese desafío tamén se lle engade a diversidade de escenarios, que abrangue dende o propio barco ata as rúas coruñesas de 1803. A compañía optou por unha resolución orixinal: mentres se está a desenvolver a acción principal, o público tamén pode ver como os intérpretes preparan a seguinte.

Á esquerda, Isabel Risco, caracterizada como un dos nenos da expedición, xunto co cartel da obra
Á esquerda, Isabel Risco, caracterizada como un dos nenos da expedición, xunto co cartel da obra pérez&fernández

Cun traballado vestiario de evocación dickensiana -case inevitable cando se convocan meniños orfos do século XIX- a obra benefíciase ademais da experiencia da compañía en adaptacións -xa o fixeron con Érica Esmorís e Roald Dahl-, un proceso para o que contaron con liberade total. «María Solar só nos pediu que fósemos rigorosos cos aspectos científicos, e iso fixemos. Tratamos de ser fieis, por riba de todo, á verdade do que pasou, e á verdade que ela creou no seu libro», relata Victoria Fernández. Iso significou condensar a acción e mesmo deixar fóra algún personaxe, pero sen renunciar ao espírito da obra orixinal.

Deseños de vestiario para a adaptación teatral do libro
Deseños de vestiario para a adaptación teatral do libro pérez&fernández

Un respecto rigoroso polos aspectos científicos da historia

María Solar confirma ese deixar facer con respecto á adaptación de Pérez & Fernández de Os nenos da varíola -«Cando traballo con tradutores ou ilustradores nunca dou indicacións: hai que respectar o seu traballo»- xunto con esa petición de coidar os aspectos relacionados coa ciencia. É algo esperable dunha xornalista que primeiro se licenciou en Bioloxía -«É parte fundamental do que son»- e que se entusiasma cando empeza a falar da expedición que inspirou o seu libro, un «auténtico método de medicina preventiva» cuxos efectos aínda se perciben hoxe. Solar láiase ás veces que escoita ou le a alguén falar da expedición que partiu da Coruña en 1803 e cae en «incorreccións ou inexactitudes», polo que ficou tranquila co traballo da compañía, que se documentou polo miúdo sobre o episodio e a época, mesmo moito máis do necesario para o que se poderá ver sobre o escenario.

María Solar, nunha homenaxe no hostal dos Reis Católicos á expedición Balmis
María Solar, nunha homenaxe no hostal dos Reis Católicos á expedición Balmis SANDRA ALONSO

Máis nervios, os lóxicos, provoca a proximidade da estrea, tendo en conta ademais que a autora non asistiu aos ensaios e non coñecerá o resultado da adaptación ata pouco antes que o público. Sabe que as esixencias escénicas obrigaron á compañía a prescindir dun personaxe principal, pero entende que se trata doutro medio e doutra linguaxe, e que eses sacrificios son necesarios. Porén, amósase especialmente orgullosa de que, sendo ela unha autora que goza e coida os diálogos nos seus libros, algúns destes intercambios entre personaxes agromasen intactos na versión teatral.