Sei dun vello refrán anglosaxón que di «An apple a day keeps the doctor away», que traducido ao galego sería «Unha mazá ao día mantén o médico lonxe de ti». E non parece moi descamiñado polo saudábel que é considerada esta froita tamén na nosa terra. Meu pai comía mazás case todos os días e plantou maceiras arreo, xa que ademais é un cultivo que se adapta perfectamente ao noso clima húmido e fresco. Sempre me chamou a atención tanta maceira para non dar consumido nin unha décima parte da produción das sufridas árbores.
Eu, como comedor de mazás, reivindico esta árbore e o seu froito, que nos dá a posibilidade de degustalas ao natural ou utilizalas en infinidade de receitas, tanto doces como salgadas. Miña nai inculcoume a cultura das compotas, das tortas de mazá, das mazás asadas, etcétera, e co tempo fun coñecendo exquisiteces importadas doutras culturas como o centroeuropeo strudel, onde se combina a mazá con froitos secos, noces e uvas pasas xeralmente, envolto nunha crocante masa enfornada e acompañado de iogur ou xeado, que converte a combinación nun encanto para o padal.
Pero tamén gusto de facer un sinxelo mosto de mazá e, con máis paciencia e tempo, sidra, para gozala como a bebida nobre que é considerada. Xa no antigo Códice Calixtino do século XII se falaba dos grandes pomares galegos e da sidra como bebida popular. E aí é onde vemos a importancia da mazá na nosa cultura, que aparece recorrentemente en forma de topónimos, apelidos, etcétera. Pero sobre todo en que somos uns dos primeiros produtores do Estado. As producións de sidras máis coñecidas e elaboradas tanto en Euskadi como en Asturias teñen unha porcentaxe moi considerable de mazá recolleita en Galicia. Mazás de diferentes variedades, entre as que hai unhas cantas propiamente autóctonas e que, como é debido, xa están dando producións de sidras xenuinamente galegas, cunha calidade competitiva a nivel de mercado. Eu reivindico a mazá como froito lendario fondamente arraigado na nosa cultura e nas nosas tradicións. E se por riba mantén o médico lonxe, moito mellor.