Autora de libros como «Códice Calixtino» e «Prometo a flor de loto», foi unha voz de referencia para a poesía galega
23 abr 2020 . Actualizado a las 16:35 h.Tras 97 anos de vida e case setenta de literatura, esta madrugada enmudeceu a voz de Luz Pozo Garza. A escritora faleceu na Coruña, onde vivía dende había décadas. Nacida en 1922 en Ribadeo, na súa traxectoria cóntanse libros fundamentais para a poesía galega como Códice Calixtino. Outros títulos senlleiros na súa obra son Deter o día cunha flor e Rosa Tántrica. Tamén se achegou ao xénero do ensaio, con obras como Vida secreta de Rosalía, unha escritora fundamental na súa concepción lírica e coa que dialogou dende os seus versos.
A Real Academia Galega, á que pertencía a escritora dende 1950, cando entrou como membro correspondente, vén de comunicar o seu pesar polo pasamento de Luz Pozo. Desde 1996 era académica de número. «Se pecho os ollos e penso en Luz Pozo Garza penso nalgunha forma de luz. A súa presenza destilaba o mesmo que a súa poesía: delicadeza e verdade», afirmou Francisco Castro, director editorial de Galaxia. «Cando ela entraba na clase, provocaba unha revolución dos sentidos, pero con certa calma. Era... como se entrase un suceso natural. Non provocaba un desequilibrio que turbase, senón un novo equilibrio. Con ela chegaba unha estación nova; entraba na clase tranquilamente a primavera», lembraba recentemente nunha entrevista Manuel Rivas, quen foi alumno da escritora no instituto de Monelos da Coruña na década dos setenta do século pasado.
Traxectoria
A obra de Luz Pozo pertence á chamada Promoción de Enlace, entre a xeración do 36 e a primeira posguerra. A paisaxe da Mariña lucense, o seu primeiro escenario vital, deixou unha fonda pegada na súa obra. As súas primeiras creacións foron publicadas en Las Riberas del Eo, mentres que o seu primeiro poemario, Ánfora, escrito en castelán, apareceu en 1950. Tres anos despois editaríase o primeiro en galego, O paxaro na boca, onde xa marcaba os temas amorosos e eróticos que caracterizarían a súa traxectoria, e que naquel tempo, e dende unha perspectiva feminina, contribuían á renovación da poesía.
Xa na madurez chegan obras como Concerto de outono e, especialmente, Códice Calixtino, no que os temas amorosos e a sensualidade se enmarcaban nunha estética clásica. Unha evolución natural que a conduciría a Prometo a flor de loto, dedicado a Eduardo Moreiras, o seu compañeiro vital e literario. Seguirían títulos como Deter o día cunha flor, Sol de medianoche e Rosa tántrica. A súa obra poética íntegra foi recollida en Memoria solar. Dende a súa poesía tamén se achegou á cultura gaélica, un interese que naceu dos vínculos familiares e que tomaría forma no libro As arpas de Iwerddon.
No eido do ensaio Luz Pozo explorou a obra de Rosalía, a quen dedicou o seu discurso de ingreso na RAG e o libro Vida secreta de Rosalía. Outros autores sobre os que escribiu con sensibilidade e lucidez foron Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro. Ademais, participou activamente na vida cultural galega impulsando revistas poéticas como Nordés ou Clave Orión.
O seu derradeiro libro foi Pazo de Tor, unha viaxe á infancia e, especialmente, á figura da súa nai.