
A poesía galega perde a unha das súas voces fundamentales e autora dunha obra extensa e orixinal
21 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Son moitas as definicións que trataron de apreixar a esencia da poesía. Luz Pozo Garza, nacida en Ribadeo en 1922 e falecida onte na Coruña aos 97 anos, deu cunha visión de enganosa sinxeleza: «Clarificación da idea na conciencia». Un concepto que entroncaba co propio e profético nome da autora: «Imos coa pequena lámpada na noite ata que a revelación, que xacía nas sombras, se fai lúcida e sobrevive». A escrita como descuberta, como refacho e relampo -«A luz propia que fai fuxir as nosas tebras»-, pero tamén unha forma de falar, dende o eu, de nós: «Cada poeta engade unha faísca de claridade ao poema total».
Luz Pozo Garza escribiu sobre estas «ensoñacións malferidas» como pórtico a Códice Calixtino, quizais o título máis senlleiro da súa longa traxectoria poética, se cabe tal redución na carreira de quen foi voz fundamental na literatura galega do século XX. No arranque da súa segunda metade publica Ánfora, o seu primeiro libro, escrito en castelán, ao que pouco despois seguiría en galego O paxaro na boca. Son os primeiros chanzos dunha biografía literaria na que conflúen as dúas linguas, que van dende o castelán no inicio -outros títulos son El vagabundo e Cita en el viento- a un bilingüismo que desemboca ao galego da madurez final, como sintetiza a profesora e tamén poeta Carmen Blanco na introdución a Memoria solar, un volume que reuniu no 2004 a obra poética completa de Luz Pozo ata aquel momento.
Esa madurez ábrese en 1981 con Concerto de outono e resoaría con toda plenitude en Códice Calixtino, que representa unha ollada nova á temática amorosa e o erotismo, que dende Vigo e Compostela convertidos en símbolos líricos dialoga coa tradición universal sen esquecer a propia, con xogos intertextuais e a integración de distintas disciplinas na procura dunha arte total. Como escribía a propia autora, «a luz permite modificar a doutrina dos astros, abrir un códice pechado na noite, ser coñecemento sutil da condición suprema». Esta etapa dá un xiro en 1991 co pasamento de Eduardo Moreiras, o seu compañeiro na vida e na literatura. A súa perda inspira Prometo a flor de loto, no que a ausencia introduce matices novos nos temas clásicos do amor e a morte.
O proceso de recollida da súa traxectoria en Memoria solar coincide cun libro novo, As arpas de Iwerddon, no que, a partir dos vínculos familiares, amplía o seu diálogo coa cultura gaélica. Deter o día cunha flor, Rosa tántrica e Pazo de Tor figuran entre as súas últimas achegas.
Ensaio e docencia
Mais Luz Pozo Garza non foi só creadora, senón que contribuíu dende o ensaio, o activismo cultural e a docencia á apreciación e espallamento da poesía e a literatura. Dedicou lúcidos textos á obra de Rosalía de Castro, Luís Pimentel, Luís Seoane, as cantigas medievais e Álvaro Cunqueiro. Participou en revistas como Nordés e Clave Orión. Descubriu dende as aulas a moitos alumnos o valor da palabra e do verso e foi figura inspiradora para coetáneos e xeracións posteriores. A Rosalía dedicoulle en 1996 o seu discurso de ingreso como académica de número na RAG, institución á que pertencía como correspondente dende 1950.
Son pólas nacidas dese tronco poético común que deu, en palabras de Carmen Blanco, primeiro os froitos vermellos da paixón e da vida, para logo florecer na lucidez mística como camelia, rosa ou loto. Un todo ou «flor indivisa» de poética simbolista, vitalista e mais a encrucillada entre amor e liberdade. Agora chegoulle o momento de cumprir o que ela xa escribira: «Prende coma lume, arde sen consumir e, por fin, eterniza».
