Coido que antes críamos moito máis na influenza dos signos do Zodíaco que agora. Non sei o que cambiou, pero, cando eu era novo ousaba facer de adiviño e ás veces atinaba co signo do meu interlocutor ou interlocutora. Quero dicir que saber o signo permitíame adiviñar cousas da forma de ser ou de pensar do interlocutor ou interlocutora. Ou iso cría. Porque había unha diferenza clara entre un Tauro, un Piscis ou un Virgo, por citar tres ó chou. Pero nunca estiven seguro de que se tratase de algo máis que de argalladas miñas. Ao cabo, había unha inseguridade que me facía dubidar.
Foi o contacto posterior con outras xentes o que me levou primeiro a descrer e logo a volver a crer. En Lugo, onde fixen o bacharelato, non había moita fe no invento (había máis inclinación polas historias de meigas e encantamentos), pero cando marchei para Madrid a estudar Xornalismo e Ciencias Políticas, a crenza diluíuse e perdeu forza. E quizais a tería perdido para sempre se non aparecesen uns escritores latinoamericanos que semellaban ser verdadeiros astrólogos capaces de adiviñarnos o pasado, o presente e o futuro. E outra vez intereseime polo fondo -real ou imaxinario- da cuestión.
Porque a imaxinación dos que chegaban do outro lado do Atlántico parecía non aturar dúbidas sobre a importancia e o significado dos signos zodiacais, e non aceptaban as nosas reticencias. Así desembocabamos en conversas que eran puros debates sobre o realismo máxico da cuestión. E foi así, por medio deles, como cheguei aos escritores do boom latinoamericano, ós que fun coñecendo persoalmente (García Márquez, Cortázar, Vargas Llosa, Bryce Echenique, Onetti, Scorza -inesquecibles os días que pasei con este en Compostela, pouco antes de que morrese nun accidente de aviación en Madrid-). Cada un tiña -e defendía- a súa perspectiva. Porque non coincidían en todo, certo.
Quizais o máis sutil crente nese ultramundo era o colombiano Plinio Apuleyo Mendoza, con preferencia polos signos Aries, Virgo e Leo. Para el a influenza zodiacal na literatura era evidente. E tamén era capaz de adiviñar a filiación astrolóxica de calquera. El foi quen mellor explicou a capacidade adiviñadora dos seus colegas americanos.