Maximino Cacheiro Varela, unha ponte poética

a. s. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MAximino Chacheiro, retratado no 2017 co gallo da publicación do seu libro «A camelia acesa»
MAximino Chacheiro, retratado no 2017 co gallo da publicación do seu libro «A camelia acesa» M. MORALEJO

Falece o profesor e escritor que dialogou dende Galicia con diversas culturas, como a latinoamericana e a xaponesa

30 may 2020 . Actualizado a las 17:41 h.

O profesor e escritor Maximino Cacheiro Varela foi unha ponte poética, por razóns biográficas e tamén literarias, tanto nas súas facetas de docente -foi catedrático de Literatura Hispanoamericana na Universidade de Vigo- e mais de creador. Como antifranquista, viviu exiliado en Venezuela e en Francia e dende o seu labor fixo dialogar a cultura galega con ideas e formas doutras latitudes. Dedicou ensaios a Roland Barthes, a Lezama Lima e ao Pedro Páramo de Juan Rulfo, analizou a relación dos escritores galegos con Latinoamérica e tendeu outra ponte poética, desta vez coa arte da pintura.

Tanto como ensaísta como poeta, o amor foi un eixo que percorreu a súa traxectoria, como testemuña, por exemplo, a súa antoloxía Amor en feminino, que escolmaba diversas voces de autoras galegas e que foi editada en castelán o ano pasado en tradución de Ánxeles Penas. Tamén destacou na carreira lírica de Cacheiro a forma tradicional xaponesa do haiku. Como a el lle gustaba lembrar, posiblemente foi o poeta galego que máis cultivou esta breve exposición de dezasete sílabas. Velaí libros como A iluminación do mar ou Música irisada, este último con 200 poemas dedicados a Luz Pozo e Amancio Prada, nos que o autor se guiou polo «espírito sincrético» de Novoneyra. O haiku tamén foi a fórmula máis acaída para que Cacheiro escribise esoutro cento que formarían A camelia acesa, dedicada a esa flor que tanto arraigo ten en Galicia e Xapón. «É unha aposta radical estética», explicou o autor a este xornal.

A súa produción poética foi recollida no 2016 no volume Mar e lume. «Tratei de darlle á poesía en galego unha dimensión cosmopolita, que é unha forma de madurez do idioma e, ao mesmo tempo, facer da poesía unha marea poética viva», declarou entón.