A Festa da Palabra na Insua dos Poetas homenaxea este domingo aos referentes da Xeración Nós
CULTURA
No acto entregaranse os galardóns anuais da entidade
16 jul 2020 . Actualizado a las 10:44 h.A Festa da Palabra na Insua dos Poetas, organizada pola fundación do mesmo nome, chega este domingo á súa décimo segunda edición, na que renderá homenaxe aos referentes intelectuais e galeguistas da Xeración Nós no seu centenario. A insua, que se atopa na Esgueva, Madarnás, O Carballiño, conta cun auditorio que foi renovado cunhas bancadas de pedra natural, respectando as árbores existentes, e que permitirá aos asistentes manter as normas de distanciamento social. Para os actos, que empezarán ás 12.00 horas, mudará o seu nome polo de «Nós».
Ás 12.00 horas presentarase o libro Camiño de Nós (Aira Editora), que recolle as crónicas que publicou en A Nosa Terra no ano santo de 1926 Xavier Pardo Badía, e que recollen a peregrinación a pé dende Ourense a Santiago por Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino L. Cuevillas, Afonso V. Monxardín e Antón Sánchez, entre outros. Dáse a circunstancia, ademais, de que o itinerario daqueles escritores e intelectuais pasou, na súa segunda etapa, polo predio que na actualidade conforma a Insua dos Poetas, segundo o presidente da entidade, o escritor Luís G. Tosar.
A seguir, entregaranse os tradicionais premios desta celebración, e que recoñecen méritos literarios e de carácter social. Nesta edición distínguese a traxectoria investigadora, ensaística e docente da profesora Pilar García Negro, así como o espírito pioneiro e a constancia do Cine Club Carballiño, fundado en 1969 e aínda activo. Outro galardón recae no colectivo Alas da Coruña, asociación pola liberdade afectiva e sexual, que desenvolve un importante labor social e cultural no colectivo LGTB dende o compromiso co galego. Un compromiso que tamén caracteriza a outra premiada, a cantautora Sés, María Xosé Silvar, que desenvolve desde diversos estilos musicais. Na nómina de distincións inclúense ademais o comunicador Xosé Manuel Piñeiro e os traballadores sanitarios da residencia dos Milagros, en Baños de Molgas, no que se recoñece o esforzo, en durísimas condicións, do persoal que loitou en primeira liña contra a pandemia. O último galardón recae nunha muller emigrante, Regina Jallas, quen en Río de Janeiro desenvolve un labor de coidado e atención a anciáns galegos.
Música tradicional e folk
A Festa da Palabra dará paso, trala presentación do libro e a entrega dos premios, a unha romaxe literaria programada para ás dúas da tarde, e na que non faltará a música, a cargo da formación Airiños de Caldelas. Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas, celebrarase un concerto do grupo folk Tor e os seus convidados, para presentar o seu último disco.
Os galardoados nesta edición da Festa da Palabra recibirán unha escultura conmemorativa do artista Acisclo Manzano. O acto conta coa colaboración da Deputación de Ourense e a Consellería de Cultura.