Xesús Fraga leva ao castelán as andanzas inglesas da avoa Virtudes

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da ilustración de Alberto Gamón para a portada da última novela do escritor Xesús Fraga, «Virtudes (y misterios)»
Detalle da ilustración de Alberto Gamón para a portada da última novela do escritor Xesús Fraga, «Virtudes (y misterios)»

O coidado selo aragonés Xordica publica a tradución desta obra autobiográfica do escritor betanceiro, e que é a súa última novela

19 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e xornalista galego Xesús Fraga (Londres, 1971) vén de traer ao castelán a súa última novela, Virtudes (e misterios), coa que gañou a 38.ª edición do premio Blanco Amor. A tradución do libro -de marcado carácter autobiográfico- publicouse no catálogo do coidado selo aragonés Xordica, co título de Virtudes (y misterios). A narración, orixinalmente aparecida en Galaxia, está tendo unha boa acollida a pesares de que a pandemia truncou todo labor de promoción, empezando pola suspendida presentación da obra na súa vila, en Betanzos, no cine Alfonsetti, e cuxa data coincidiu co día en que o Goberno de Pedro Sánchez decretou o estado de alarma.

A versión castelá das andanzas inglesas de Virtudes é tamén obra do neto, Xesús Fraga. «Unha vez tiven o borrador máis ou menos definitivo, empecei a traducilo, un proceso que tamén afectou ao orixinal galego, xa que o tránsito dunha lingua a outra me permitiu puír algunhas cousas, como dar máis sinxeleza a algunhas frases, mellorar o ritmo ou evitar repeticións innecesarias. É unha experiencia moi interesante e moi positiva, polo que ten de reflexión e corrección», di. Con todo, as diferenzas entre unha edición e outra son menores e case todas de carácter lingüístico, para axeitar o ton do relato ás peculiaridades propias de cada idioma.

Hai unha diferenza substancial entre a edición de Galaxia e esta -advirte-: «Trátase do concepto gráfico, especialmente a portada. Mentres a versión galega empregaba un retrato familiar (miña avoa, nai e tías), Xordica encargou unha ilustración para a capa, cometido do que se ocupou Alberto Gamón, un veterano e recoñecido ilustrador de Zaragoza. Partiu dun fotografía da miña avoa, en plena tarefa de limpeza doméstica, para acadar unha visión metafórica da súa personalidade. As nubes e a choiva actúan, ademais, como un nexo que comunica Galicia e Inglaterra, os territorios con máis presenza na historia».

Para Fraga, integrar o catálogo de Xordica «é un logro ilusionante», xa que o acompañan autores como Ignacio Martínez de Pisón, Antón Castro ou Daniel Gascón, ademais de escritores como Méndez Ferrín, Xuan Bello, Atxaga... «Un luxo», incide.

A segunda edición en galego xa está no prelo. Agora queda o reto de que unha historia tan viaxada siga cruzando fronteiras lingüísticas a cabalo da tradución.