Galaxia

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

23 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai setenta anos que se creou esta benemérita editorial; fíxoos o 25 de xullo, data na que, no hotel Compostela, de Santiago, se celebrou o acto fundacional, protagonizado, basicamente, por galeguistas e simpatizantes que xa tiñan un nome antes da data tráxica do Dezaoito de Xullo. Tamén eu emprego o tópico «benemérita editorial», que a moitos pode inducilos a entender esta casa editora como unha fábrica de facer libros para vendelos e, co lucro, engrosar o caudal comercial. Galaxia, sen deixar de ser unha editorial convencional (e dentro das duras leis do franquismo), foi un proxecto cultural para Galicia (proxecto non exento de dimensión política), atento a aproveitarse das poucas fendas que contiña o sistema (por exemplo, os Estatutos foron redactados tamén en galego, porque unha vella lei non derrogada permitía ese bilingüismo).

De feito, os que idean, deseñan e dirixen Galaxia, son cidadáns galegos convencidos de que, nesa altura, 1950, facer política dentro do Partido Galeguista -política clandestina- é totalmente inviable. Daquela, en España, só o PCE continuou na loita («no monte e no llano») pagando toneladas de sufrimento familiar, torturas e medo. Así pois, dicir que os galeguistas de Galaxia foron desleais ao desentendérense do PG é unha infamia, sobre todo cando algúns denominan «culturalismo» a aquel proxecto protagonizado esencialmente por Ramón Piñeiro, que foi, si, quen explicou a causa galeguista e concienciou, dentro e fóra da editorial, a un elenco de mozos que, doutro xeito, seguirían sendo analfabetos -ou contrarios- á idea patria. Imaxina alguén a Otero Pedrayo, Fermín Penzol, Piñeiro, Xaime Isla, Fernández del Riego, Marino Dónega... manifestándose en Santiago cada 28 de xuño ou imprimindo panfletos galeguistas nun zulo clandestino? Galaxia conectou coa mocidade (sen o risco da cadea), explicou de novo a vella causa e deseñou a reinvención da cultura galega. Calquera outra explicación é unha infamia.

Galaxia foi un equipo con dous homes excepcionais: Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca simbólico, e Ramón Piñeiro, o ideólogo máximo e o sagaz estratego.