
O traballo de foley consiste en recrear os efectos que se escoitan no cine
26 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A súa ocupación é a recreación e a gravación de todos os sons que fan os personaxes nunha pantalla, pero o lugar de traballo dos artistas de foley está a medio camiño entre un estudio e un almacén. Cunha chea de materiais, como sacados dun cuarto de obxectos perdidos, Diego Staub e Miguel Barbosa crean todo aquilo que se escoita nunha produción audiovisual e que non se grava no momento, que, a excepción das voces de actores e actrices, é case todo. Con máis de dúas décadas de experiencia no mundo sonoro, ambos os dous decidiron especializarse no oficio e montar o seu propio estudio hai uns anos en Santiago, desde onde traballan para proxectos de todo o mundo: dos Estados Unidos a Dinamarca, pasando por boa parte das producións nacionais.
«No foley, como mínimo, hai dúas persoas. A que grava e a que executa os efectos, porque cada son ten que ter o seu matiz», explica Staub, que é quen se encarga da captación, mentres que o seu compañeiro camiña, golpea obxectos ou pecha algunha das numerosas portas que teñen en función do que necesite a escena. Todo iso con tres ou catro micrófonos que permitan mesturar pistas e darlle «perspectiva ao son», recreando a súa orixe na pantalla. Para roturas de ósos parten allos porros pola metade e se queren engadir algo de sangue escorren un trapo húmido. «Moitos efectos están formados por un conxunto de capas que soan á vez. Cando as unes cunha imaxe consegues enganar ao cerebro», indica Staub.

A trampa é fundamental, xa que a maioría de cousas que se escoitan no cine ou na televisión non soan así no día a día. Para Al final del túnel (2016) utilizaron o carriño de bebé do fillo de Staub, co que recrearon o son da cadeira de rodas que utiliza o protagonista, Leonardo Sbaraglia, porque unha cadeira de verdade non fai practicamente ruído.
O máis difícil, afirman, son os pasos, porque «cada personaxe ten un peso e unha forma de camiñar determinada», sinala Barbosa, que destaca o número de tipos de chan que teñen no estudio: un total de 16, que inclúen asfalto, madeira vella, madeira nova ou terra. Outra das dificultades é o tipo de calzado, para o que teñen unha colección con todo tipo de modelos masculinos e femininos, que escollen segundo o do personaxe.

Para unha película enteira poden necesitar arredor de dúas semanas, aínda que se é de acción e conta cun reparto coral poden precisar dunhas cinco. Algúns dos traballos que máis lles gusta facer son de tipo naturalista, como Lazzaro Feliz (2018), que presentaron hai pouco na Numax xunto unha charla sobre o seu traballo. A complexidade deses filmes radica en que todo ten que parecer real, como gravado no momento, e transmitir o que o director quere. Pola contra, están os proxectos como Antidisturbios (2020), unha nova serie dirixida por Rodrigo Sorogoyen, que requiren de atmosferas tensas que vaian acordes coa imaxe. «A forma de filmar de Rodrigo, cunha cámara moi preto dos personaxes e que se move moito, obriga a meter efectos que se teñen que sentir moi próximos. Hai que levar os espectadores alí, xunto os policías», conta Barbosa.
Posibilidades sonoras
O potencial expresivo do foley, afirman ambos artistas, tamén permite aforrar cartos nunha produción, xa que hai moitas sensacións que é posible transmitir por medio dos efectos sonoros, sen necesidade de filmar accións concretas. «O son é totalmente suxerente. Se os pasos dunha persoa son arrastrados, consegues unha sensación de cansazo que caracteriza o personaxe. Con todo iso podes crear frío, calor ou medo na cabeza do espectador», conclúe Staub.