Un decálogo secreto

Manuel Rivas
Manuel Rivas A SITUACIÓN DO IDIOMA

CULTURA

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

1. 

O paraíso tamén está en Galiza. Non é chauvinismo. Por que imos ter menos autoestima que as inmobiliarias? O que lle fai falta a este país é unha man de pintura coas cores das dornas e un azul de Patinir.

2. 

Somos fillos da vieira. É dicir, de Venus. En Santiago está soterrada unha deusa adolescente e o Camiño de Santiago foi sempre o de Eros e Dionisio, a internacional pecadora do Entroido, usurpado pola burocracia do Santo Oficio e a multinacional das Indulxencias.

3.

Somos do partido do riso. Aquí, os mortos pásano ben. Chegará un día en que en lugar de crego pediremos un mariachi republicano que cante Pero sigo siendo el rey!

4.

Somos larpeiras, a moita honra. Sempre nos din: «Nada de caramelos agora. Cando non teñades dentes, xa comeredes todos os que queirades». Pois comer cos dentes as Pedras todas de Santiago.

5.

Temos vontade de estilo. Facemos ben o mal e mal o ben.

6.

Temos unha lingua propia, moi lírica, moi lercha. E un acento con moitas curvas, afrodisíaco.

7.

Somos moi de aldea: só nos interesa o planeta Terra e a estreliña do luceiro, compañeiriña da lúa.

8.

Somos sentimentais, que pasa? A ver quen ten coraxe a chorar como choramos nós.

9.

Disque temos unha ironía británica. Mais o noso himno nacional, coa letra d’ Os Pinos, supera en todo o God save the Queen

10.

Seremos os últimos en marchar deste mundo do demo. Chegaremos tarde ao Xuízo Final.