O profesor reúne no volume «Escritores universais» as súas achegas a autores clásicos publicadas en La Voz de la Escuela
04 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.José Antonio Ponte Far (Negreira, 1948) reúne nun libro, Escritores universais (Medulia), as súas achegas a 33 clásicos que no seu día se publicaron en La Voz de la Escuela. Unha escolma que é á vez divulgación literaria e reivindicación dos saberes humanísticos.
-Comparte esa visión de que as humanidades cada vez teñen menos peso no ensino?
-Un dos grandes lastres que arrastra a sociedade actual é o a falta de aprecio que sinte polas humanidades. En España, especialmente: aquí entre o cambio constante de plans de estudo, o interese proclamado dende as altas esferas educativas pola tecnoloxía e as ciencias experimentais que poden servir mellor para encontrar traballo e o conseguinte abandono destas disciplinas na escola e no ensino secundario, estamos marxinando os estudios humanísticos. Parece que a historia, a literatura, o arte nas súas distintas manifestacións, a música, a filosofía, a ética, e non digamos xa o latín e o grego non teñen nada que ensinarlles ós nosos alumnos. Este erro, denunciado tantas veces dende o caderno de La Voz de la Escuela, acabaremos pagándoo caro. Porque non se pode comprender a nosa sociedade sen saber nada acerca da súa historia, do seu arte, da súa literatura nin dos pensadores que estableceron os seu principios fundamentais. Así, pois, darlle o lombo ás humanidades empobrece ás persoas, e ese empobrecemento acabaremos pagándoo caro como país.
-A súa proposta combina rigor con divulgación amena...
-Hai que partir de que os destinatarios iniciais destes traballos que se publicaban mensualmente en La Voz de la Escuela, eran os alumnos de bacharelato, que teñen unha materia optativa que se chama Literatura Universal. Así, ao longo de tres cursos, eu trataba de acercarlles as principais figuras literarias dos séculos XIX e XX dunha maneira distinta: profundando nas biografías dos escritores porque, dalgún xeito, haberían de explicar moitas notas das súas obras, tanto temática como formalmente. Tamén engadía un breve estudio sobre as obras máis representativas de cada escritor. E sempre dentro dun estilo sinxelo, sen tecnicismos retóricos, adaptado ás súas competencias lingüísticas e ás dun público diverso que accedía ó xornal. Tamén, en moitos casos, incluía algún fragmento dalgunha obra significativa dese escritor, que axudaba a entender o que sobre esa obra se dicía. Pola información que recollía dalgúns colegas que traballaban con estes estudios nas clases, o resultado era moi bo, polo menos quedaban cunha idea bastante completa de quen era Kafka, Dostoievski, Hemingway, Joseph Conrad...
-Son autores universais e clásicos: que fai que unha obra o sexa?
-En efecto, todos estes escritores, e algúns máis que puidesen engadirse, son grandes figuras universais porque a súa literatura rebasou as fronteiras do seu país e da lingua na que foron escritas. Podemos consideralos, sen dúbida, como uns clásicos, ou polos menos moitos dos seus libros así se poden catalogar. Italo Calvino dicía que «un clásico é un libro que nunca acaba de dicir o que ten que dicir». Estes escritores son, polo tanto, autores de libros de relectura, de descubrimentos constantes, cargados de sinais e de chiscadelas que suscitan de novo o noso interese. Que, polo tanto, sempre ensinan algo novo, que nos conmoven. A época non importa; importa que permanezan no gusto e que perduren a través do tempo. Isto tamén é importante porque xa dixo Azorín que «un clásico estático é un clásico morto». Hai que engadir, ademais, algo que os confirma como escritores clásicos: tiveron unha gran importancia e influencia no posterior desenrolo do xénero literario no que eles destacaron (novela, poesía, teatro). Esta nota é fundamental para poder gozar de tan alta consideración.
-Dos 33 autores sobre os que escribe só hai unha muller: que nos di iso do canon?
-É certo que hai unha descompensación enorme entre os seleccionados: 32 homes e unha muller, Virxinia Woolf. Non é que os escritores fosen mellores que as escritoras; é que o número de mulleres dedicadas á literatura nos séculos XIX e XX era moitísimo menor. Cuestión da época, non da competencia e capacidade para escribir. Aínda así, poderían aparecer nestes estudios escritoras como Jane Austen, Doris Lessing, Gabriela Mistral, Gertrude Stein e, dende logo, a nosa Rosalía de En las orillas del Sar ou Follas novas. Hai un caso, que cito no libro, que explica dalgunha maneira este plano secundario das escritoras nun mundo masculino: Zelda Sayre, a muller de Scott Fizgerald, autor do Gran Gatsby, era unha gran escritora e tamén pintora, que tivo que deixar a súa dedicación á literatura e á pintura por seguir a vida bohemia do seu marido, que voaba de éxito en éxito por aqueles felices anos vinte americanos. Outra faceta máis, a artística, en que a vida non foi xusta con elas.
-O volume leva acuarelas de Pedro Castro Couto.
-O libro está ilustrado, e enriquecido, con catro acuarelas de Pedro Castro alusivas ó mundo dos libros e dos escritores. Pedro é un amigo pintor que xa ilustrou outros libros meus porque ten unha man e un gusto privilexiados. As catro láminas orixinais son dunha plasticidade e beleza sorprendente, o malo é que ese festival de colores pérdese un pouco ó plasmarse no papel do libro. Pero aínda así, o barco da portada no que van rumbo á eternidade sete escritores, a biblioteca cos libros que escribiron, a vella imprenta, e os escribáns medievais, son unhas pequenas xoias saídas dos sabios pinceis de Pedro Castro.
-E, por último, cales serían os seus favoritos?
-Aquí métesme nunha boa lea. Todos os escritores que aparecen no libro teñen sobrados méritos para estar nel. Polo tanto, todos me gustan, cada un deles aportoume algo, axudoume a entender a vida e ata a entenderme a min mesmo. Teño por todos unha enorme admiración. Pero si me teño que mollar, diríache que entre os meus favoritos están Charles Dickens, Stendhal, Tolstoi, Valle-Inclán e Borges. Dickens por aquel libro que admirei de xoven e sigo admirando, David Copperfield; Stendhal, entre outros tamén destacados, polo seu inesquecible Roxo e negro, que me ensinou a como non hai que comportarse na vida; Tolstoi, pola grandiosidade de Guerra e paz ou a entrañable Ana Karenina. Valle-Inclán, porque é un xenio e ensinoume a descubrir unha Galicia máxica e eterna cunha prosa fermosísima. E Borges, pola súa profundidade, combinada cunha sinxeleza de estilo sorprendente.