
Esther F. Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns gañan o Barriga Verde
18 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Carme Varela é a gañadora da última edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, convocado pola Xunta e dotado con 8.000 euros. O xurado seleccionou As desterradas, de Varela (A Baña, 1970), entre os 50 orixinais a concurso e valorou o seu «traballo requintado de preocupación estilística, a súa boa estrutura e a interesante construción dos personaxes que, detrás dunha aparente sinxeleza, amosan unha profundidade psicolóxica que individualiza os conflitos, ao tempo que proporciona unha perspectiva coral dos acontecementos».
A peza de Varela xorde da idea de escribir un texto para as actividades de defensa do patrimonio medieval O sorriso de Daniel. As desterradas céntrase nos últimos días do mosteiro de monxas bieitas de San Salvador de Albeos, no actual concello de Crecente. Aborda o enfrontamento entre a Coroa de Castela e os mosteiros bieitos de Galicia.
Pola súa banda, Esther F. Carrodeguas (Rianxo, 1979) acadou con República Sideral o Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na súa modalidade para adultos. Tamén hai aquí unha inspiración histórica, como é a declaración durante unhas horas, nos días 7 e 8 de outubro de 1934, da illa de Arousa como república federal independente. O galardón está dotado con 6.000 euros.

Na modalidade xuvenil o xurado declarou vencedor o texto Pois eu!, de Carlos Losada-Galiñáns (Cambados, 1966), do que destacou como se artellan diferentes tramas con gran sentido rítmico e que remiten desde o fantástico e os ecos da tradución artúrica ata unha sutil sátira política. Ademais, incorpora o tema da identidade de xénero, fuxindo de didactismos.
O Manuel María de literatura dramática infantil, ao que se presentaran 22 obras, quedou deserto.