Xunta e Biblioteca Nacional proxectan unha gran exposición sobre Emilia Pardo Bazán

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da firma dos protocolos na sede da Biblioteca Nacional de España, en Madrid
Detalle da firma dos protocolos na sede da Biblioteca Nacional de España, en Madrid

O acordo institucional inclúe tamén unha mostra sobre o Camiño de Santiago

02 dic 2020 . Actualizado a las 16:10 h.

O 2021 promete grandes festas culturais, a pouco que o coronavirus dea unha tregua. O Ano Santo obriga. Dúas desas citas quedaron fixadas este martes en Madrid, onde Xunta e Biblioteca Nacional de España (BNE) pecharon un dobre acordo de colaboración para impulsar dúas grandes exposicións arredor de dous dos principais fitos que se celebran: o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán e o propio Xacobeo. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a directora da Biblioteca Nacional, Ana Santos, e o presidente de Acción Cultural Española, José Andrés Torres, pecharon o convenio nunha reunión na sede da BNE na que asinaron o protocolo de actuación que guiará ambas mostras.

A catedrática de Historia Contemporánea da Universidad de Valencia, Isabel Burdiel, unha das investigadoras máis prestixiosas e que vén de publicar unha nova biografía sobre Pardo Bazán, será a comisaria desta mostra, que exhibirá máis de 200 pezas dos fondos da BNE e de varias institucións privadas. O obxectivo é mostrar a modernidade dos retos literarios, intelectuais, persoais e políticos da autora de Meirás, así como a súa dimensión europea e transnacional, sen deixar de lado a súa pegada en Galicia, as relación cos seus coetáneos e a súa participación nos espazos intelectuais e políticos da época.

En canto ao segundo proxecto, será o profesor e exdirector da RAE Darío Villanueva quen asuma a coordinación da exposición a partir tamén das coleccións da BNE vencelladas ao feito xacobeo e organizada en torno a cartografías antigas dos roteiros, iconografías, carteis ou guías, entre outros moitos materiais.

«El 2021 va a ser un año gallego en la Biblioteca Nacional de España», enxalzou Ana Santos, que engadiu: «Vamos a celebrar entre todos, como se merece, a Emilia Pardo Bazán y el Xacobeo. Queremos que sea un paseo por las colecciones de la BNE, que conservan nuestra historia y nuestra cultura, todo lo que el Xacobeo significó y la huella que dejó».

«Galicia -subliñou Román Rodríguez- gaña dous aliados para promocionar a nosa cultura». O conselleiro avanzou que serán «dúas exposicións sorprendentes, con destacados materiais e dous comisarios de recoñecido prestixio». Sobre a mostra de Pardo Bazán, dixo que o acordo «é moi significativo e que sobre todo chega nun momento no que traballamos para protexer o seu legado». Da mostra do Camiño, resaltou que poderá gozarse «dunha suma de elementos de primeiro nivel procedentes do depósito da biblioteca máis grande de España».

Rodríguez salientou a importancia de «crear alianzas a favor da cultura» que beneficien á divulgación de figuras como Pardo Bazán, considerada a novelista en lingua española máis sobranceira do seu tempo, así como pioneira nas ideas feministas e intelectual de primeira orde. A exposición inaugurarase en Madrid e despois poderá verse na Coruña.

En canto á cita xacobea, Santos aclarou que un comité científico presidido por Villanueva traballa xa neste proxecto no que estarán representados a arte, a filoloxía, o cine ou a ciencia: «Se podrá ver un poco de todo lo que el Camino dejó en todas nuestras manifestaciones culturales». O acordo prevé unha gran exposición a inaugurar en Madrid e que se verá despois en Compostela.