Guadi Galego busca certezas na gama de grises do pop electrónico

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

GUADI GALEGO
GUADI GALEGO CARLOS ABAL

O seu novo traballo «Costuras» mestura amor, esperanza e compromiso no tempo da pandemia

11 dic 2020 . Actualizado a las 18:22 h.

Cando un abre o cedé de Costuras, quitándolle o plástico, descobre que a portada racha. Cada persoa ten así a súa cuberta particular no novo album de Guadi Galego, no que parece unha mostra de complicidade con ese oínte que no 2020 aínda dá o paso de adquirir un disco físico. É o primeiro descoloque amable dun traballo que, con suavidade tamén, descoloca no seu interior.

Non hai rupturas bruscas co pasado, pero si avances significativos nesta colección que semella mostrar o quebracabezas sentimental da artista de Cedeira. Con todos os seus contrarios e a súa gama de grises. O máis novo vén coa importancia capital que adquire a electrónica, atenuada en mestura pero constante no percorrido destas dez cancións. Os descubrimentos sonoros de Immersion (2019) aquí multiplícanse. Convidan a unha escoita pausada e cómplice.

Persisten os pianos bonitos. Encóntranse ao servizo dun pop de aparencia sobria, pero tendente á épica e ao corazón luminoso. O influxo de bandas como Coldplay volve ser evidente en temas como Velutinas. Tamén aparecen sorprendentes pinceladas funky en cancións como O que ha chegar, optimista canto á esperanza interpretado a dúo con Paula Grande. Mostra unha das múltiples caras dun elepé cheo delas.

Máis aló de influencias concretas ou toques dun ou doutro xénero, o disco sobresae pola unidade dentro da súa dispersión. Gran paradoxo. Concibido como un conxunto de retallos que se cosen case a modo de manifesto vital, nel Guadi Galego xoga ás contradicións, aos paseos valentes polos grises nestes tempos de branco ou negro e ás preguntas que quizá non teñan resposta clara. Pero hai que seguir preguntando.

«Sei que, ás veces, as contradicións espertan e botan a andar para buscar a luz de guía», canta en Velutinas, un dos temas que máis se deixa querer na primeira escoita. En Cólico aborda a dor silenciosa e silenciada que moitas mulleres pasan na súa vida. En Liberdade ambigua, os confusos camiños que a tan desexada palabra pode tomar cando se empurra coa forza do veleno. E en Zocos, os soños dentro dun que necesitan estoupar.

No tramo final, o álbum toca teito. Especialmente en Creo, unha das cimas da carreira de Galego ata o momento: emocionante canto ao amor de parella dende o compromiso («fundirse nun abrazo, brincar de puro vicio, querernos ben»). Tamén Mestra néboa, inspirada na pandemia («detrás do velo hai tanto que admirar / detrás das bocas hai tanto que calar»). E, por suposto, en Só con amor, delicioso peche cos fillos e sobriños da artista abrazándose á idea final de comunidade, amor e «berrar a vida». Agora máis que nunca.