Vinilos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

15 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A música chegoume moi cedo. Os meus irmáns, bastante maiores ca min, escoitaban cancións que foron quedando na miña memoria. Na nosa casa era moi habitual escoitar música de diferentes estilos nos dous formatos máis populares, discos ou casetes. Músicas modernas daquela, como Santana, Jethro Tull, Procol Harum, Mungo Jerry ou Adriano Celentano, traídas polo meu irmán que vivía en Suíza, combinábanse con sons máis próximos na liña do que escoitaban os meus pais como Manolo Escobar, os indios Tabajara ou Antonio Machín. Estou a falar da miña nenez con menos de 10 anos, un tempo no que todo se absorbe como se un fose unha esponxa. Aínda hoxe, todas esas músicas tráenme lembranzas como se fosen a banda sonora dun tempo pasado. Meu pai collera o costume de escoitar música dende a cama. Pouco antes de se deitar puña case sempre o mesmo L.P. ,que duraba máis ou menos o tempo que lle levaba a el quedarse durmido. O meu cuarto era contiguo ao dos meus pais e todas as noites sentía esas mesmas melodías dunha recompilación onde se seleccionaba parte do máis relevante do momento: Miguel Ríos, Serrat e Víctor Manuel entre outros. Lembro noites con aquel percutir da agulla ao rematar o disco e ter que erguerme para que a pobre agulla non se acabara trillando. Máis tarde, na adolescencia, e por familia moi achegada descubrín outras músicas como as de Deep Purple e o incrible Made in Japan, as case que espaciais melodías dos Kraftwerk, as engaiolantes músicas clásicas de Tchaikovsky, Berlioz ou Bach e por suposto as músicas galegas de Fuxan os Ventos, Emilio Cao, Miro Casabella… Esta combinación tan heteroxénea fíxome ampliar o abano de gustos de xeito considerable aínda que co paso dos anos decidise centrarme máis nun estilo polo que manteño a paixón. Hai poucos días armei un prato para reproducir vinilos de novo e actualmente volvo escoitar as músicas deste xeito. A día de hoxe conservo, coido e mimo moita música neste soporte que nunca deixei de mercar. A verdade é que sen querer caer na nostalxia das boas lembranzas e tempos vividos, o analóxico ten un encanto que hoxe coa borracheira de información e da fartura de oferta que temos parece que perdeu boa parte do ilusionante que polo menos para min tiña noutrora. Ou será a idade?