«Clave de bóveda», un poemario póstumo de Manuel Álvarez Torneiro

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A obra de Álvarez Torneiro é dunha riqueza inusual
A obra de Álvarez Torneiro é dunha riqueza inusual GUSTAVO RIVAS

Kalandraka publica 51 poemas inéditos un ano despois do pasamento do escritor

20 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O selo pontevedrés Kalandraka, na súa moi coidada colección poética Tambo, vén de publicar Clave de bóveda, unha obra póstuma do xornalista e escritor Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932-2019). Trátase dun volume con medio cento de poemas que dá a entender ás claras por que este libro ha resultar tan importante para o lector, que debe saber (ou sabe) que está ante un autor que segue a ser un dos segredos mellor gardados das letras peninsulares. Alá polo outono do 2016, o poeta entregoulle estes textos manuscritos á súa amiga a profesora e crítica literaria Teresa Seara coa idea de ilos preparando -revisar a puntuación, corrixir as grallas e sinalar os castelanismos, lembra a filóloga nun breve prólogo á edición- para levar ao prelo: quedaron listos só catro semanas antes do seu pasamento, do que o 8 de outubro se cumpriu un ano.

Di Seara, e concordan todos os que o coñeceron, que entre as artes que dominaba Torneiro, alén da métrica, estaba a da amizade, polo que a mellor medicina para enganar a tristura atópase no «bálsamo das súas palabras». Todos os versos que escribiu, asegura, «posúen, de seu, unha elegancia e unha pureza absolutamente prístinas e por iso logran espertar a emoción máis núa». Para Seara, o exercicio da poesía como o concibía Torneiro, «con rigor e xenerosidade», chantaba o seu fundamento sobre «unha linguaxe precisa e sublime» e o don da mirada, «esa facultade tan atípica que lle permitía percibir en todas as cousas (mesmo nas máis nimias ou cotiás) o seu carácter excepcional».

«Era un home bo, e iso tradúcese na escrita», terza para converxer Luís Rei Núñez, amigo do autor e director da colección Tambo, na que Torneiro publicou sete dos seus poemarios.

Non observa Rei ruptura ningunha co libro anterior, Onde nunca é mañá, nin un carácter especialmente testamentario en Clave de bóveda, que, di, «continúa cos eixos temáticos sobre os que gravita a obra de Manuel, desde tempos inaugurais, cando con 50 anos publicou o seu primeiro poemario, Memoria dun silencio (1982), e xa daquela amosa unha madurez inusual no persoal e no literario, a nivel estilístico e tamén sobre os asuntos que lle preocupan». E cales son eses eixos? Pois, recalca o editor, a loita contra o poder devastador do paso do tempo e a súa fe na forza reparadora da palabra como ferramenta para enfrontar esa batalla.

Malia os moitos anos que dedicou en La Voz de Galicia ao oficio do xornalismo, a dureza da realidade non puido coa aguda sensibilidade de Álvarez Torneiro, que conservou sempre a esperanza en que a beleza e a cultura, a música, a literatura, as artes plásticas, poderían axudar a combater os estragos do tempo. É así, recalca Rei Núñez, como os seus versos dialogan a miúdo cos grandes nomes da arte (Bach, Mozart, Vallejo, Rilke, Neruda, Valente...): «A cultura está perfectamente integrada no discurso do poema. Non é a súa unha poesía feita dende o adanismo. El sabe que calquera voz que quere aspirar a ter presenza e pouso no seu tempo ten que mirar dende o presente cara as obras daqueles que o precederon e que incorpora como familia adoptiva. É un autor plenamente consciente de que forma parte dun río cun caudal inmenso que vén detrás del».

Unha traxectoria de trinta anos

Luís Rei, tamén poeta e escritor, valora a coherencia da obra de Torneiro, que consolidou a súa voz durante a traxectoria de trinta anos en que publicou e na que, dada a madurez de que partiu, se asiste a un lento proceso de depuración, sempre dentro da fidelidade aos fíos condutores da súa produción.

Admite, si, a postura esquinada que ocupa a súa figura no sistema literario galego, pero atribúe isto a que a Torneiro nunca lle quitou o sono favorecer a súa proxección pública. «Non se negaba a participar en actos literarios, pero basicamente se dedicaba a escribir, a envorcar nos seus versos as súas inquedanzas como home. Era unha persoa discreta, que fuxía dos saraos, que xamais cultivou o mamoneo». E foi esa forte personalidade, esa firmeza de carácter, a que lle permitiu non ser escravo de modas e manterse na súa posición estética: «Vólvese anacrónico para gañar liberdade. Sabe que se está demasiado centrado en reflectir o inmediato iso lle impedirá que poida permanecer mañá e pasado». Torneiro, incide, segue un rumbo firme, non se deixa guiar polos cantos de sereas, e iso -«entre tanto trécola e xentes sen principios»- fai del «un referente, un caso único no panorama literario galego». A súa poesía, apunta Rei, require soidade, silencio, traballo e lentitude: «Medra como o limón no limoeiro, dun modo orgánico. É que Manuel -remata- non concibía día sen (ler e escribir) poesía».