A intuición é un proceso de aprendizaxe dos seres humanos a través das experiencias coa que van incorporando o externo ao interno. Refírese, en definitiva, ao proceso innato de responder ás chamadas, aos reclamos.
Por iso é tan importante a actitude de respecto que manteñamos ante a diversidade lingüística nos primeiros anos de vida das persoas. Tan importante coma o feito de poder salvar unha lingua. Porque si, hai linguas que desaparecen, á velocidade dunha cada dúas semanas, razón pola que é relevante o seu coidado, o seu valor.
Como actuar? Con responsabilidade e moita consideración.
Ser diferente debe ser considerado unha riqueza. Se pretendemos avanzar e medrar como persoas, debemos escoitar a quen pensa diferente, a quen é distinto no seu interior ou exterior, porque é a única maneira de abrir a mente e ofrecerlle distintos puntos de vista.
As diversas linguas e culturas non son máis ca unha mostra da riqueza que conforma o mundo. Con ese sentido debemos actuar, máis ca nunca, na infancia. Amosar respecto por unha lingua, valorar a riqueza de atesourar un idioma propio, con total naturalidade e humildade, é das mellores ensinanzas que podemos ofrecer. A casa é o berce, pero tamén é importante ter referentes en todos os campos.
Ana Peleteiro, coa súa naturalidade, axuda a valorar a nosa lingua. Ángel Carracedo, escribindo e conferenciando en galego, por moito que lle dixeran que ía ser menos lido ou escoitado, tamén.
Ti, que podes ensinarlle ás crianzas o que significa nai, terra, morriña ou orballo, es imprescindible. E ti, que non falas en galego pero que non pides que che traduzamos ao castelán o que dicimos porque entendes perfectamente, igual.
O plurilingüismo non ten que ser tan complicado como o facemos. Non é unha arma de confrontación. Debera ser unha mostra de convivencia e sociedade avanzada. Se estamos a celebrar o Día Internacional da Lingua Materna, apoiados pola Unesco, é que algo falla. Agora, nestes tempos de illamento, fagamos reflexión.