Dende ben novo preguntábame cal sería a maxia pola que o son da cinta casete ou o vinilo chegaba ata min, mais sobre todo cavilaba no misterioso proceso artístico e técnico daquelas gravacións. Co paso do tempo e xa facendo música aló polo 1986, chegou o momento de ter unha maqueta que servira de presentación do que estabamos a facer. Fixémola grazas á axuda do estudo móbil da Radio Galega, que, baixo a dirección de Pablo Barreiro, desprazouse ao local onde ensaiabamos na Coruña. Cada un de nós tocabamos simultaneamente en espazos distintos daquel baixo, separados e o máis illados posible para que o son dos instrumentos non interferise entre si e así poder facer unhas mesturas de mellor calidade.
Aquela maqueta, absolutamente de afeccionados, serviunos de carta de presentación para comezar a dar os nosos primeiros concertos con Luar Na Lubre. Aquela primeira experiencia de concertos ao vivo valeu, dous anos despois, para meternos nun estudo profesional de gravación e sacar o noso primeiro traballo discográfico en formatos vinilo e casete. O estudo estaba na Coruña, chamábase Aula-Taller e o técnico de gravación foi Xosé Tasende.
Eramos moi novos, con moi pouca ou ningunha experiencia e faciámonos cargo de todos os gastos cun diñeiro gañado nos concertos que foramos dando. Arredor de corenta horas de gravación con mesturas incluídas foi o que nos levou aquel proceso. Esa foi a nosa primeira inversión e inmersión no mundo da gravación profesional. Unha experiencia que nos serviu para comezar a entender un pouco mellor como de complexo era facer un disco para editar, con técnicos cualificados, cabinas ben illadas, gravacións individuais dos diferentes instrumentos por pistas separadas, etcétera. Foi tamén o momento de vivir, gozar e sufrir a dificultade de mesturar, masterizar e finalmente editar.
Vivimos a bonita pero tamén certamente traumática experiencia de parir o noso primeiro traballo discográfico e de comprender en parte o proceso con todos os pros e os contras. Posteriormente viñeron moitas máis gravacións con máis medios técnicos, mellor produción e maior experiencia, pero este foi o punto de partida, contado de xeito moi breve, que deixou unha lembranza inesquecíbel.