Dous epistológrafos

CULTURA

21 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No volume Polos camiños das horas dialogan dous grandes escritores: Ricardo Carballo Calero e o noso máximo epistológrafo, Ramón Otero Pedrayo. Publicouse o volume, no ano 2020, pola Real Academia Galega e polo Parlamento de Galicia, institución que custodia o arquivo literario de don Ricardo. Foi coordinado por Henrique Monteagudo, prologado por min, editado por Patricia Arias Chachero, Nélida Cosme Abollo e Adrián Estévez Iglesias e anotado por Patricia Arias coa colaboración de Adrián Estévez.

É un «diálogo entre dous grandes», que así titula o seu limiar institucional Víctor F. Freixanes, pero é un diálogo que comeza bastante tarde, en 1949, cunha carta de Carballo desde Ferrol, onde residía desde 1941, data na que saíra do cárcere de Santa Úrsula (Jaén). Nos últimos oito anos, don Ricardo e don Ramón, que levaban trece sen se veren e sen se escribiren, seguían sendo, na cerna do espírito, camaradas («irmáns», na terminoloxía do galeguismo). Como tales conversan neste rico epistolario. Cando Otero gaña, por oposición, en 1950, a cátedra de Xeografía da Universidade de Santiago, Carballo faille este comentario: «...que vostede estivese dentro de ila era o único medio de que ila non estivera fóra de nós». Cando don Ramón recibe un exemplar da monumental Historia da literatura galega contemporánea, non se contén: «Hoxe é pra min un dos xurdios días do meu vivir. Dos que se dan gracias a Deus» (14-3-1963).

No epistolario hai unha data na que aparece un nome ilustre pero moi controvertido entre os galeguistas: o de Xosé Filgueira Valverde, que foi o presidente, en 1962, do xurado que lle outorgou a don Ramón o Premio Galicia da Fundación Juan March, premio, ben dotado economicamente, no que tivo como contrincante a Vicente Risco, presentado polos oficialistas do Réxime. Carballo, vogal, que coñecía ben a amizade de don Ramón con Filgueira Valverde, foi capaz de escribirlle: «Filgueira, que, como presidente, falou o derradeiro, estivo moi ben. Era, de novo, o Filgueira do Seminario [de Estudos Galegos]». Son palabras que iluminan unha situación e honran a quen as escribiu.