Fala materna?

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

11 may 2021 . Actualizado a las 22:27 h.

No ano 1968, Valentín Arias López (1934-2011) escribiu un breve artigo que, para aquel tempo, constituía unha achega valiosa na Sociolingüística do galego. Titulouno Xeliña fala galego, publicouno nun humilde programa de festas de Sarria (Lugo) e, desde hai algúns días, a Real Academia Galega ofrécenolo na súa páxina web. A Xeliña que protagoniza o artigo era unha nena de seis anos, Xela Arias Castaño (1962-2003), filla do autor e da que este conta a súa biografía lingüística, e cóntaa desde a súa condición de pai e de pedagogo (era mestre nacional). Imponse reproducir o preámbulo: «A Xeliña é unha nena pizparrela. Que naceo nunha aldea, a carón da fermosa vila de Sarria. Vai xa pra sete anos. / Os pais de Xeliña son galegos. O mesmo que a súa familia toda. / E consideraron moi natural falar coa súa nena na língoa que iles adoitan a cotío. A Xeliña, pois, deprendeu a falar na língoa nai dos galegos».

E aconteceu que, estando certo día «os pais e a nena nun comerciucho da vila, ó decatarse que a nena falaba galego, moi aflixida e compunxida, chea de lástemas pola nena e de noxos polos pais, escramou a tendeira:

¡Oh! ¡Y le hablan gallego! Qué pena que no le hablen castellano. ¡Con lo riquiña y fina que es la niña! Si fuese un niño aún pasaba; pero enseñarle gallego a una niña tan guapa...”».

Antes desta data, noutra vila, Ribadavia, na casa «duns señoritos de caldo á merenda», aconteceu o mesmiño. Aínda recordo as palabras do patrón daquel fogar, un mancebo de botica: «As fillas han falar sempre en castellano para seren educadas e finas, pero os rapaces poden falar o gallego igual que non está mal visto que boten xuramentos e barallos» (barallo, eufemismo por c...). Lembro outros episodios semellantes.

Alleo eu ao interesante artigo de Valentín Arias, a quen aínda non coñecía, publiquei en 1969, nun xornal compostelán, un artigo que titulei O galego ¿fala materna ou paterna? Naquel artigo, escrito hai máis de medio século, eu falaba da alienación da muller, vocábulo (o de alienación) que gustaba moito aos neomarxistas da época. Abordarei a «explicación» na próxima columna.