«A Lindona de Galicia», unha comedia do Século de Ouro que chega ao XXI nun «podcast»
CULTURA
A obra pode seguirse en cinco capítulos dende este sábado e ata o vindeiro martes
27 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A Lindona de Galicia é unha comedia que escribiu nas primeiras décadas do XVII o autor murciano Andrés de Claramonte. Durante dous séculos foi unha obra amplamente representada, que cativou ao público coa súa historia entre Lindona e o rei don García e coa perda do reino de Galicia como pano de fondo. Agora, un novo público, o do século XXI, pode coñecer esta peza a través da adaptación para podcast dirixida por Tito Asorey, quen tamén a protagoniza xunto con Melania Cruz, Sergio Zearreta e Josito Porto. Asorey, co coordinador do proxecto, Manuel Gago, e a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, presentaron esta nova vida dunha obra que presenta a unha muller galega de forte carácter que se rebela fronte a traizón do monarca.
«Celebramos o Día Mundial do Teatro cun texto que nos coloca nun episodio da nosa historia que ten que ver coa sucesión fraticida do reino de Galicia», explicou Álvarez. «Foi un fascinante traballo de dramatuxia que houbo que adaptar de tres actos a unha ficción de cinco episodios», relatou Asorey. Hoxe empezan a emitirse os capítulos desta ficción sonora, que se estenderá ata o vindeiro martes. Cada un deles está acompañado dun artigo contextualizador sobre a obra, a súa época e o texto orixinal a cargo de varios especialistas como Santiago Fernández Mosquera, Anselmo López García e Delphine Sangu. Pode accederse a través da web do Consello e dende plataformas como Anchor, Spotify e Ivoox. «Presentamos un proxecto de divulgación orientado a tomar un suxeito histórico do Século de Ouro e contribuír a enriquecer e incorporar esta figura que pode no futuro tomar novas formas», explicou Gago.
O texto orixinal de Claramonte foi no seu día atribuído a Vázquez de Montalbán. Aínda que non forma parte da historia do teatro galego, si combina esta lingua co castelán.