Victor Moscoso, heroe contracultural e pioneiro da gráfica psicodélica americana

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CÉSAR QUIAN

A Fundación Luis Seoane abre este mércores unha retrospectiva do ilustrador, deseñador e cartelista galego, cuxos traballos son imaxes icónicas da segunda metade do século XX

14 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi discípulo de Josef Albers na Universidade de Yale -o exilio pola persecución do nazismo levara ata EE.UU. a moitos intelectuais e artistas europeos-, traballou en publicacións míticas do universo underground coma o Zap Comix de Robert Crumb, colaborou noutras máis comerciais como Playboy e Rolling Stone, deseñou portadas de discos para músicos e grupos como Steve Miller Band, Grateful Dead, o pianista Herbie Hancock, Jerry García e Steve Cropper, e a súa obra forma parte de coleccións tan importantes coma as do MoMa ou o Louvre. Todo un heroe contracultural, un pioneiro da gráfica psicodélica americana, un mito do oficio da ilustración e o cómic cuxos carteis e imaxes son unha icona da segunda metade do século XX. E é galego. Aínda que hai certa confusión co lugar de nacemento, que se Vilaboa en Culleredo, que se Vilanova en Oleiros. Con a penas tres anos e medio, Victor Moscoso (1936) marchou cos seus pais a Nova York, fuxindo dos efectos da Guerra Civil, para afincarse en Brooklyn. Quixo debuxar para Disney, pero con pouco máis de vinte anos chegou ao oeste atraído pola xeración beat e o ruído da contracultura -alentada polos desvaríos orientalistas, o folk rock e o LSD-. Continuou formándose no San Francisco Art Institute, pero a atmosfera lisérxica reconduciu a súa maneira de traballar, desandou o camiño formal e entregouse á súa intuición. Comezou a súa senda que o conduciu a converterse nun dos cartelistas máis relevantes da escena pop, inmerso na psicodelia e no mundo hippy. Traballou con Rick Griffin, Pablo Ferro e Crumb.

Victor Moscoso, retratado en su estudio de San Francisco
Victor Moscoso, retratado en su estudio de San Francisco Gail Moscoso

Á fin a súa terra dedícalle atención á súa figura. Este mércores a Fundación Luis Seoane da Coruña abre ao público unha retrospectiva sobre Moscoso comisariada por David Carballal, quen asegurou que esta mostra «é o primeiro percorrido global realizado ata o momento da traxectoria do deseñador galego», que ademais dos carteis psicodélicos exhibe outras pezas realizadas «fóra do ámbito da música, animacións e mesmo un anuncio para unha célebre marca de roupa norteamericana».

O propio Moscoso participou por videoconferencia este martes na presentación do proxecto para lembrar brevemente como comezou a interesarse polo que estaban a facer os movementos contraculturais en San Francisco nos anos sesenta: «Estudei a técnica tradicional e os principios do deseño con Josef Albers, e máis tarde tiven que reverter todo o que tiña aprendido, fixándome no que estaban a facer outros artistas naquel momento. Logo, de súpeto, descubrín que á xente gustábanlle os meus carteis, que os mercaban». Asegurou estar «moi feliz» pola exposición, na que, anotou, está todo o que sobre el e o seu traballo tiña que dicir.

Detalle da exposición na Fundación Luis Seoane
Detalle da exposición na Fundación Luis Seoane CÉSAR QUIAN

Moscoso Cosmos. O universo visual de Victor Moscoso -aberta ata o vindeiro outubro- está producida pola Fundación Luis Seoane e o Concello da Coruña, e coproducida polo Musac de León e o Centro Niemeyer de Avilés, espazos aos que viaxará posteriormente.

Silvia Longueira, directora da fundación, quere que a exposición sexa tamén «unha homenaxe a aquelas persoas que, ao igual que Moscoso ou Seoane, desenvolveron a súa actividade artística fóra das nosas fronteiras».