Traducen ao galego «Vinte poemas de amor e unha canción desesperada», de Pablo Neruda

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Amancio Liñares Giraut e María Rey buscan respectar ao máximo o sentido e ritmo do poemario

22 abr 2021 . Actualizado a las 18:23 h.

En 1924, uns meses antes de cumprir 20 anos, o poeta chileno Pablo Neruda publicaba por primeira vez Vinte poemas de amor e unha canción desesperada. Agora, case cen anos despois, os versos vén a luz en galego. Amancio Liñares Giraut e María Rey foron os encargados de traducir este poemario de xuventude, que constitúe a obra máis editada e traducida dun dos escritores de referencia da literatura universal. Un traballo publicado por Medulia Editorial co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Ademais, conta con ilustracións de Isabel Pintado.

«Non quixemos en ningún momento recrear a poesía de Neruda, senón transmitir en galego o que Neruda dicía, chegando na medida do posible a fidelizar ese texto. Iso na poesía é difícil», asegurou María Rey, engadindo que quixeron «respectar o sentido do poema, o ritmo». Foi Amancio Liñares Giraut -que non puido estar na presentación este xoves- o que propuxo a tradución deste libro. «Levaba moito tempo pensando que podía publicarse en galego», engadiu Rey, que destacou que se trata dun poemario «inmortal» porque « pódeno seguir lendo os adolescentes, e o resto, cando o lemos, lévanos a esa época». Ademais, indicou que á hora da escolla tiveron en conta «a trascendencia que pode ter este libro á hora de ser relido por un extracto de poboación moi amplo».

Durante a presentación, tanto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, como o crítico literario Armando Requeixo, e a propia tradutora, incidiron en que Vinte poemas de amor e unha canción desesperada é unha das referencias da literatura universal. Nese sentido, Valentín García destacou a importancia de que se poida ler en galego «un dos clásicos universais». Pola súa banda, Requeixo resaltou que se trata dunha tradución modélica: «Un pode ler o libro sabendo que le ao Neruda esencial».

Esta edición conta, ademais, coas ilustracións de Isabel PIntado, que explica que tentou establecer un diálogo coa poesía e o que significaba este poemario de xuventude de Pablo Neruda. «Es de un cuerpo a otro cuerpo». O libro conta cun limiar a cargo de Edmundo Moure.