Víctor Freixanes: «O desafío prioritario é o futuro da lingua galega nas novas xeracións»
CULTURA
Cunha mensaxe de continuidade, foi reelixido no cargo sen votos en contra
25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O que xa era sabido. O escritor e profesor Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) foi elixido onte de maneira oficial presidente da Real Academia Galega (RAG) nuns plácidos comicios internos nos que a súa foi a única candidatura que se someteu á votación do plenario. Os seus obxectivos: Traballar nun proxecto de continuidade centrado no labor científico da RAG, así como da súa proxección social, pensando, sobre todo, na promoción da presenza do galego entre a mocidade.
-Desde o punto de vista persoal, que valoración fai de que fose o único candidato.
-Primeiro, agradecer a confianza dos meus compañeiros. Quero pensar que nestes anos entregueime á academia, unha institución máis que centenaria, cun equipo directivo marabilloso que pretende continuar co traballo feito ata o de agora e fortalecer os nosos obxectivos.
-Que foi o que lle animou a presentarse de novo?
-Os que me coñecen saben que non son unha persoa que se pon de perfil. Cando te implicas, implícaste, e a xente foi receptiva. E se houbo algúns críticos, non votaron en contra, senón que se abstiveron.
-Como foi a RAG que se atopou no 2017 e como é a de agora?
-Recollín unha situación moito máis tranquila que a de outrora e, afortunadamente, atopei apoio e comprensión. Pero xa no 2017 falei de continuidade nun clima tenso, de desencontros. E superamos unha complicada situación. Grazas a iso púidose avanzar moito a pesar dos poucos recursos. A xenerosidade dos académicos, que non percibimos nin un céntimo, entregados á responsabilidade de algo tan inmenso como fortalecer a Real Academia Galega, énchenos de orgullo. Vale a pena o esforzo.
-Cales son os principais obxectivos desta xunta directiva?
-Traballaremos en dúas dimensións, a científica e a proxección social e as estratexias de comunicación. Hai que lembrar que as cousas que non aparecen nos medios non existen. Por tanto, o desafío prioritario é o futuro da lingua nas novas xeracións. A mocidade é o noso horizonte.
-Se un acode á saída dun colexio nunha gran cidade observa que os nenos apenas falan galego. Pero se un colle o coche e se afasta da urbe uns quilómetros xa empeza a escoitar o noso idioma. É consciente a RAG diso?
-Por suposto que somos conscientes. A batalla urbana xa se está librando. Como a da modernidade. Hai que conquistar eses espazos da mocidade ou da nenez. Por iso traballamos no estímulo dos novos creadores, de voces novas para a lingua, que non son só o uso de sintagmas ou ortografía, senón do discurso social. A Academia non é a responsable, pero temos a responsabilidade de ter un espírito crítico para empuxar aos que si poden, como gobernos, deputacións ou concellos a que poñan todo o seu empeño no uso da nosa lingua.
-Entre os adultos tamén hai moitos que utilizan o galego en determinados foros e non así na súa contorna próxima...
-Sempre o dixen. O máis preocupante de todo é que o galego acabe nunha lingua litúrxica. Que termine como un floreiro nunha mesa. Ao principio todos din que é moi bonito, pero conforme pasa o tempo xa empeza a molestar e algúns piden que se aparte do medio, que molesta. Por tanto, hai que instaurar a nosa lingua na modernidade e normalidade. É dicir, debemos fuxir dunha lingua só para determinadas cerimonias, determinados usos, para quedar ben nun determinado momento. Iso, a sociedade percíbeo. Dáse de conta de que hai moita impostura nalgunhas voces, unha falsificación da lingua.
-Como é posible que despois de tantos anos de traballo, se fale menos galego que nos cincuenta?
-Débese á desaparición das xeracións dos maiores no rural, que é a despensa histórica do idioma. Aínda que con respecto a hai 50 anos perdéronse falantes en número, agora xorden falantes conscientes e cualitativos capaces de moverse no plurilingüismo. Hai que fortalecer a identidade do noso.
-Que supuxo a pandemia na defensa e promoción do idioma?
-O covid puxo todo patas para arriba. Foi un freo. Pero soubemos superalo na medida das nosas posibilidades. O dicionario, por exemplo, obtivo tres millóns e medio de visitas.
Tres mulleres á fronte do equipo directivo por primeira vez na historia do ente
Víctor Freixanes, o reelixido presidente da Real Academia Galega da Lingua, referiuse en varias ocasións a palabra continuidade para definir o que será o seu novo mandato. Pero non é do todo certo, porque por primeira vez na historia da centenaria institución haberá tres mulleres ao fronte da dirección, co cal será unha directiva maioritariamente feminina. En todo caso si reafirma o seu compromiso coa presenza cada vez máis activa das mulleres na RAG.
Desde xeito, a catedrática de Comunicación Audiovisual e directora de cine Margarita Ledo Andión, arquiveira-bibliotecaria durante a presidencia de Xesús Alonso Montero, asumirá a secretaría ocupada ata o momento por Henrique Monteagudo, que continuará como vicesecretario. Seguirán tamén no equipo a ata agora tesoureira Marilar Aleixandre, desta volta como arquiveira-bibliotecaria, e Fina Casalderrey, que pasa a ocupar a tesourería. En total, na dirección serán tres mulleres e dous homes.
O presidente da institución agradeceu a todos eles a súa implicación e tivo palabras de especial gratitude para Andrés Torres Queiruga tras completar oito anos no posto de vicesecretario.
Entre os seus obxectivos, a RAG seguirá igualmente a traballar na proxección exterior do galego e tendendo pontes con outras linguas e culturas próximas, moi principalmente coa área lusobrasileira; e no fortalecemento das relacións con outras academias e institucións análogas na procura de obxectivos comúns.
Na súa intervención, Freixanes insistiu no compromiso «insubornable» da Real Academia Galega «coa cultura e co idioma do país».