
Os actores ourensáns Laura Míguez e Fernando González protagonizan a obra
05 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A complicidade entre Laura Míguez (1987) e Fernando González (1984) faise evidente sobre o escenario cada vez que traballan xuntos, pero é que estes actores ourensáns compaxinan ben tamén na vida, que levan compartindo como parella dende fai máis de quince anos. Case non son capaces de recordar cal foi o seu primeiro proxecto común. «É que xa os nosos comezos foron xuntos grazas á Casa da Xuventude de Ourense, un espazo incrible no que se xuntaban un montón de grupos de teatro amateur», recorda Laura. Os dous pasaron pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e dentro de todos os proxectos culturais que foron encadeando ata chegar a hoxe, estivo tamén a constitución da súa propia compañía, Il Maquinario. «Creo que temos unha linguaxe moi similar», explica Fernando. Tras unha ampla traxectoria tamén por separado, -ela vinculada un pouco máis á formación teatral, el crecendo ademais coa súa banda de música, Priscila-, agora volven compartir lugar sobre as táboas, concretamente na nova obra de Redrum, Un home con gafas de pasta. Trátase dunha comedia negra moi peculiar, chea de sorpresas e dun pouco de misterio, escrita polo autor Jordi Casanovas, que tamén firma textos como o premiadísimo Jauría, no que se relatan os acontecementos e posterior xuízo da Manada. «Teño a sensación de que é un autor que tende a introducir nas súas obras sempre algo inesperado e pouco convencional, polo que é un reto facer entender ao espectador que vai ver unha cousa mentres están sucedendo outras moitas, alongadas do que pensaban que pasaría», admite Laura. Os actores ourensáns comparten escenario con Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo, todos baixo a dirección de Álex Sampayo.
Na obra, Laura e Fernando son unha parella que quere axudar a unha amiga que está atravesando unha ruptura amorosa. Para animala organizan unha cea á que acudirá un coñecido poeta. «A partires de aí empezan a pasar cousas moi interesantes pero ao mesmo tempo moi tolas», di Fernando. Todas elas poderán descubrirse no Teatro Principal de Ourense, onde se estrea a obra este fin de semana con dous pases, un o venres e outro o sábado, a partir das 20.00 horas. «Nós sentimos ao Principal como a nosa casa. Levamos actuando alí dende que eramos uns afeccionados», explica o actor. «Para min é un agasallo, sobretodo porque vexo como se está atentando contra os profesionais da cultura en Ourense e penso que debemos visibilizar a labor destas persoas e todo o que fan por manter vivos os espazos e as artes», termina Laura. As entradas xa están á venda na web de Ataquilla.