Alex Guillán (Baiuca): «Cada xeración ten que reivindicar a tradición cunha perspectiva diferente»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

ALEX GUILLÁN, BAIUCA
ALEX GUILLÁN, BAIUCA ELISABET ENCINA

Mañá sae «Embruxo», co que o artista segue mesturando raíces galegas e música electrónica

06 may 2021 . Actualizado a las 11:36 h.

O primeiro disco de Baiuca, Solpor (2018), foi unha das grandes sorpresas da última música galega. Revisando as gravacións tradicionais, o catoirense Álex Guillán converteunas en samplers. Logo encaixounas nun crebacabezas electrónico que superou, de lonxe, a idea inicial de rareza para entendidos que se podía ter. Non só triunfou a nivel nacional, senón que se prodigou no estranxeiro ata que a pandemia cortou a súa ascendente progresión. Agora volve á escena con Embruxo, un segundo álbum que sae mañá e o autor define como unha «película sonora na que todos os temas van a un sitio».

-Pode ser o misticismo o fío condutor do novo álbum?

-Si, é como sacar un disco pagán nun ano Xacobeo. Interesábame moito ese concepto. Falaba moito con Adrián Canoura, que é quen se encarga de toda a parte visual do disco, desta particular relación que hai entre a vida e a morte que en Galicia é diferente. Non é todo tan escuro. Aquí o diaño non é tan malo como noutros lugares. Como o son ía ser tribal e potente, polas voces de Lilaina, encaixábame moi ben buscar un concepto que repercutira en todo iso. O diaño tocando un pandeiro, unha meiga coas herbas de San Xoán.... cousas así.

-O seu agora que é, creación ou reinterpretación?

-O reto neste caso era facer pezas tradicionais e reinterpretar as letras. Cando vas ao cancioneiro tradicional, ves que as coplas pódelas cantar noutra canción perfectamente. E exploramos ese cancioneiro para ver que coplas falaban destes temas espirituais, nos que saían seres mitolóxicos, meigas, lavandeiras... Para logo, con todo isto, facer un crebacabezas e introducilas en melodías que recolleron das cantareiras. E non só galegas. Por exemplo, hai una peza como Lavandeira que son dúas xotas zamoranas.

-Hai un traballo de percusión analóxico moi interesante.

-Foi clave dende o primeiro momento. Un ano antes de facer o disco xa me metín con Xosé Lois Romero no estudio a gravar sons de percusión tradicional. O reto era facer música melódica só con eles. Así hai temas no disco que son só voces e percusión.

-O disco arranca con «Meigallo» cun ritmo claro de reguetón. Quería arrimarse a ese son?

-Si, o que pasa e que para min non é reguetón. Ese ritmo está presente en moitas culturas e traspasa iso. Xa aparecía en moitas das miñas cancións, pero non dunha maneira tan salvaxe como agora. Pareceume interesante usar un ritmo que creo que é dos mellores que hai e que mellor funciona. Claramente o reguetón ten éxito por ese ritmo. Non me pecho a nada que me soe a algo que tampouco é tan novo. Hai pouco tempo, un colega pasábame un disco de Os Resentidos de finais dos oitenta e dicíame que xa facían reguetón.

-No sinxelo estelar, «Veleno», colabora Rodrigo Cuevas. Encontrou nel unha alma xemelga na mesma onda artística?

-Si. A verdade é que se creou a nivel persoal unha conexión moi sorprendente para min. A Rodrigo velo e xa ten pinta de ser unha persoa estupenda, pero coñecelo foi unha cousa tremendamente positiva. Resultou moi fácil entendernos. Xa coincidimos cantando algunha vez en directo. A min gústame moito e creo que neste tema se ve unha imaxe máis seria da que se adoita ver que penso que lle queda moi ben.

-Ambos son dous exemplos dunha corrente que redescubre as raíces que hai en todo o país. Cre que dentro de 20 anos falarase dunha era do pop «neotradicionalista» como se fala hoxe da Movida ou do «indie»?

-Aquí hai varias cousas. Polo menos no caso de Galicia, viñamos de ter unha progresión dende que aparece Milladoiro nos anos setenta. Logo xorden figuras claves, como o caso de Carlos Núñez que chega ata case os nosos días. Facía falta rachar e reivindicar doutra forma a tradición. A tradición hai que revisala e reivindicala en cada xeración dunha perspectiva diferente. Viñamos dunhas décadas nas que a perspectiva non ía cambiando e as novas xeracións van desconectando dunha música que xa non os representa. Agora hai un momento no que os artistas se dan de conta, impulsados por outros artistas, de que a música tradicional mola. Dáselle un valor.

-E nese «molar» estarase caendo nunha moda de ir por aí «porque é o que se leva»?

-Eu creo que é un compoñente emocional que cada un ten coa a súa terra. Entendo que vai por aí. De ter exemplos dos que, investigando e removendo a tradición de cada un, se pode chegar a facer cousas moi interesantes. Iso pode ser unha motivación moi grande. E se é unha moda, benvida sexa, xa que creo que é boa para reivindicar a cultura de cada un e coñecer culturas diferentes. En todo caso, hai que ter en conta que exemplos como os que dicía antes chegaron a cotas moi altas. Carlos Núñez tocou con Ryuichi Sakamoto ou estivo con musicazos no Madison Square Garden. Se o comparamos con iso, o de agora non é nada. É un momento significativo de cambio, pero xa veremos a onde chega.