
A obra da escritora aragonesa Irene Vallejo percorre trinta séculos de historia do libro, dende as súas orixes
17 may 2021 . Actualizado a las 04:50 h.Non se lembra éxito tal no campo do ensaio en castelán desde que La España vacía. Viaje por un país que nunca fue (Turner) alcanzou as catorce edicións e pasou dos 150.000 lectores. O libro de Sergio del Molino apareceu no 2016. Pois ben, apenas tres anos despois, a escritora aragonesa Irene Vallejo (Zaragoza, 1979) publicou no selo Siruela El infinito en un junco. La invención de los libros en el mundo antiguo, co que acadou un eco moi similar. Agora, este ensaio -rigoroso pero tamén moi persoal- chega ao galego da man de Edicións Xerais e traducido por María López Suárez.
A medio camiño da crónica periodística, a reflexión, a novela e incluso a interpelación directa ao lector, O infinito nun xunco -ademais dun fito nas vendas, mereceu o Premio Nacional de Ensayo 2020- percorre trinta séculos de historia do libro, dende as súas orixes, un tempo moi longo no que se utilizaron na súa fabricación desde a pedra, o fume e o barro ata o plástico. Vallejo relata de forma amena esta aventura de coñecemento e contra a destrución de algo aparentemente feble, nunha apaixonante viaxe que comprende o papiro, a biblioteca de Alexandría pero tamén o Gulag ou a noite dos cristais rotos.